O TEMPO DAS CEREIXAS

As cerdeiras e o seu froito están asociadas as máis arredadas lembranzas da miña nenez. Neste tempo que vai de abril a xuño, no que estas árbores empezan a agromar e a botar flores que logo se converterán en saborosos froitos, todo se me volve recordos daqueles anos vividos naquel Guitiriz da posguerra incivil nos que, a pesares de todo, a felicidade era completa e non tiña outra preocupación que desfrutar dunha vida regalada baixo o amoroso coidado dos meus pais, en compañía de irmáns, avós, tíos e primos, mesmo dos ríos, da pesca das troitas, das festas de San Xoán e todo o día a xogar.
Este tempo das cereixas identifícoo no meu imaxinario co que vai dende a nenez ata a xuventude, pasando dalgún xeito como as propias cereixas por gromos, flores e froitos, esas fermosas flores brancas e eses fermosos froitos vermellos. ¡Se tiveramos cartos, comprabamos cereixas!, diciamos entón. Cartos non tíñamos pero ¡que venturosos tempos eran aqueles! Logo veu o enfrontamento coa vida, os traballos e os días, como cadaquén: A escola primaria, a academia Dafonte, o instituto, o Bacharelato, as oposicións, a Escola Naval, os barcos, o mar, a Bazán, cursos en EEUU, a empresa privada e as viaxes polos vieiros do mundo para rematar en Gauzón Ibérica, unha sobranceira empresa moi relacionada coa industria naval, coa que colaborei durante quince anos despois da miña xubilación na Armada.  
Ledicia e desgustos, gozos e sombras, non faltaron: as mocidades, o noivado o casamento, as fillas, os seus estudos, os seus despertares á vida, o pasamento dos meus pais e irmán, e agora catro netas apuxando con forza. Nestes intres trato de afacerme a unha agridoce folganza. Despois de tantos anos de traballo, agora que xa está máis preto de partir a barca que nunca ha tornar, como deixou escrito no seu epitafio o poeta soterrado en Colliure, eu reclamo para min, e para tódolos homes e mulleres que xa cumpriron a súa misión na vida, aínda a pesares do que temos aí fóra, un novo tempo das cereixas que perdure tódolos anos que temos por vivires.

O TEMPO DAS CEREIXAS

Te puede interesar