FÚTBOL É FÚTBOL

Produce cansazo e ata xenreira ler e oír as novas sobre o fútbol. Aturar tódolos días a todas horas na radio, na prensa e na televisión a frivolidade con que se fala de millóns de euros polos fichaxes, vendas e demais negocios en torno a directivos, xogadores, adestradores, axudantes, primas e toda a parafernalia montada arredor do fútbol, mentres o desemprego non para de medrar, mentres aumenta o índice de pobreza, mentres moitos nenos van a escola en xaxúas, mentres miles de rapaces, cos seus títulos baixo o brazo, teñen que emigrar na procura de traballo, é algo que ten que rebentar algún día na conciencia colectiva.
Somos o país onde máis cartos se investen en fichar os xogadores máis caros do mundo, ao mesmo tempo que temos un dos niveis culturais máis baixos de Europa. Que a un futboleiro se lle paguen 20 millóns ao ano é, cando menos inmoral, e dalgún xeito esperpéntico. Vexámolo polo miúdo: 20.000.000 euros/ano = 1.666.666,66 euros/mes = 55.555.55 euros/día=7.936.5 euros/hora de traballo.
Isto está a pasar nun país con mais de cinco millóns de parados onde acadar mil euros ao mes é case un privilexio. Leo nun xornal que o BOE ten publicado o convenio colectivo que atañe aos futbolistas profesionais establecendo un salario mínimo de 129.000 euros/ano para os xogadores da Primeira División e 64.500 para os de Segunda, cunhas xornadas laborais que non poderán exceder de sete horas, con día e medio de descanso semanal e un mes de vacacións ao ano.
O paradoxo e magoante é que os estadios están cheos de seareiros mileuristas e mesmo parados que por riba teñen unha admiración desmedida por eses mercenarios e millonarios que gañan os cartos en cirolas.
O fútbol é un xeito de enriquecerse para uns poucos privilexiados e para moito chupóptero. Mágoa polos miles e miles de rapaces que por dedicarse a el deixan os estudos e atopanse aos vinte anos sen oficio nin beneficio e o que é peor, sen preparación algunha para acadar un traballo.
Así nos loce o pelo.

FÚTBOL É FÚTBOL

Te puede interesar