CUNQUEIRO, O GRAN FABULADOR DE TERRAS DE MIRANDA

Aproposta de expulsión do gran fabulador mindoniense das rúas de Madrid, é tan sorprendente como esperpéntica e por riba cabréante. Quen é a alcaldesa de Madrid para tomar semellante decisión tantos anos despois? 
Como penso que nin ela nin os seus colaboradores saben moi ben quen foi Cunqueiro, velaquí unha pequena biografía: Naceu Álvaro Cunqueiro Mora en Mondoñedo, Lugo, o 22 de decembro de 1911 e morreu en Vigo, España, o 28 de febreiro de 1981. Profesor, novelista, poeta, periodista, tradutor e gastrónomo. Escritor en castelán e en galego, premio Conde de Godó como periodista, Premio Nacional da crítica en 1959 por As Crónicas do Sochantre, Premio Nadal en 1968 por Un hombre que se parecía a Orestes e premio de poesía Frol da Auga en 1979. No ano 1991 a RAG dedicoulle o dia das letras galegas. 
Foi un dos primeiros membros do Partido Galeguista. Nos anos da guerra incivil inscribiuse en Falanxe Española, seguramente por razóns de supervivencia, como tantos outros. En 1943 deixou a Falanxe e un ano máis tarde foille retirado o carné de periodista rematando así a súa relación co réxime de Franco. E moi posible que anos máis tarde, en plena ditadura, este feito lle custara non acadar o Premio Nobel do que se fixo acredor pola súa extensa obra e pola súa inesgotable imaxinación. Foi durante moitos anos director do Faro de Vigo onde o coñecín no ano 1964. En Bouzas e de Mondoñedo erixíronlle sendas estatuas. Na súa tumba figura como epitafio a seguinte frase: “Eiquí xaz alguén que coa súa obra, fixo que Galicia durase mil primaveras máis” xunto con outra que reza: “Louvado sexa Deus que me permitiu facerme home neste gran reino que chamamos Galicia”. 
Vostede, señora alcaldesa, ademais de non estar moi enterada, está mal aconsellada. Aínda que supoño que a estas alturas da película xa retirou a súa absurda proposta, non estaría de máis que, pública e oficialmente, pedira perdón por semellante esperpento á Xunta, á Real Academia Galega e a tódolos galegos, a Galicia enteira. Para rematar, permítame un consello: teña moito coidado coa memoria histórica e cos seus conselleiros, non vaia ser que por este camiño iconoclasta que levan, acaben expulsando do rueiro da capital de España a Rosalía de Castro, a Don Ramón María del Valle-Inclán, a Gonzalo Torrente Ballester e a C.J.Cela entre outros, e xa postos, a Lope de Vega, a Miguel de Cervantes Saavedra...

CUNQUEIRO, O GRAN FABULADOR DE TERRAS DE MIRANDA

Te puede interesar