CHAPA Y PINTURA

Conducir un coche é ben doado. Facelo ben é outro cantar. Para elo hai que conxugar sentido común, prudencia, bon estado físico e mental, fóra alcol, fóra drogas e fóra telefono móbil, bo mantemento do vehículo, coñecemento do que se leva entre as mans, moito xeito e sobre todo educación, viaria e da outra. As escolas de conducir non se poden limitar a ensinar a aprobar o exame, é necesario tamén ensinar unha disciplina que poderíamos chamar ética ao volante. 
Con elo se reducirían os accidentes. Estas condicións das que estou a falar precisan completarse con un bo estado das estradas, moita vixilancia e multas con rebaixa de puntos do carné e retirada do mesmo aos recalcitrantes. Un factor que contribúe á proliferación de accidentes, é o estado da estrada, un firme en mal estado xunto cunha mala sinalización e unha visibilidade deficiente compoñen un cóctel perigoso. Este é exactamente o escenario dun cruzamento que hai diante da miña casa azul, o que se traduce nunha media de máis dun accidente diario. Penso que é un deber cidadán denunciar esta situación. Explícome: Os coches que entran en Ferrol pola estrada das Pias, teñen unha saída para acceder ao paseo do Mar de Caranza cun ceda o paso que da prioridade aos que se dirixen á Gándara. Uns metros máis arriba os coches que veñen da Gándara cara a Caranza, teñen un ceda o paso con mala visibilidade provocada pola prolongación innecesaria dunha mediana e unha herba que ten a altura dun home. 
Os sinistros por alcance son frecuentes neste punto negro, ben coñecido polos axentes  municipais que moi a miúdo teñen que acudir a levantar os correspondentes atestados e a arranxar o refugallo que queda no chan. Anque a cousa non soe ser grave, reducíndose a un problema de chapa e pintura, xa vai sendo hora de que se tomen medidas. Abondaría coa instalación duns avisos de cruce perigoso e, en troques dos cedas, uns stops ben visibles. Con esta solución tan sinxela evitaríanse a maioría dos sinistros e aforraríase traballo aos axentes de tráfico e aos bombeiros. Xa quedan avisados, tomen boa nota o Concello e os Nubolaris, que destes hai moitos nas estradas.

CHAPA Y PINTURA

Te puede interesar