Cando os elefantes eran “os patantes”

Aínda debe andar pola casa unha colección de elefantes de madeira comprados aos mouros hai moitos anos, cos que tanto xogaron as miñas netas. Eran entón os “patantes”, o seu xoguete preferido.
Eu teño muller, tres fillas, dúas irmás e catro netas, alguén me prognosticou un día aquelo de “benedicto tu inter mulleres”. Isto é o que eu chamo superioridade de xénero, o que fai que con tanta muller ao meu carón, ás veces me sinta en clara desvantaxe.
Por razóns que non veñen ao caso, tócame agora, educar e coidar unha das netas. ¡Aos meus anos! Moito cambiaron os tempos, son outros os parámetros da vida e outros os costumes. 
A cousa non é doada e estou cheo de dúbidas: Teño que ser máis tolerante coas netas do que fun outrora coas fillas? Moito quixen, e quero, as miñas fillas, pero o amor polas netas é outra cousa dalgún xeito distinta. Dende os meus moitos anos, véxoas tan novas, tan inocentes que, co que está chovendo ahi fóra, téñenme moi aqueloutrado. Estouno a facer ben? Estou preparado para elo? Son demasiado severo ou son demasiado brando? Que facer cando cos seus poucos anos queren saír de noite, onde, en plena idade do pavo, vanse atopar de fronte coa vida, coas drogas, co sexo, coa explosión de hormonas e o móbil, ese aparello ás veces infernal, dálle que dálle todo o día. 
Por riba as relacións entre os rapaces e as rapazas son distintas, non digo si mellores ou peores, que as dos nosos tempos, o que teñen é outra liberdade que nós non tiñamos. O problema que non é doado como digo, só se pode aturar con información e educación, na casa e na escola sempre sen perder de vista que non se lle poden poñer portas ao campo, porque a xuventude, que hoxe menos que nunca non hai quen a deteña, ten necesariamente que se afacer, é lei de vida, aos tempos que lle tocou vivir. Que felices aqueloutros cando os elefantes eran “os patantes”, cando miña neta Cecilia dicía, con tres anos, que cando fóra maior quería ser... un cabalo!
Agora cando sae de noite, só me queda dicirlle, emulando unha celebre serie da televisión, ¡ten coidado aí fóra!. Non podo facer outra cousa, como non sexa rezar.

Cando os elefantes eran “os patantes”

Te puede interesar