Miércoles 21.11.2018

O alcalde de alcaldes

Quero pensar que foi un exceso de micro, un quentón do momento, pero sei que non.

Quero pensar que foi un exceso de micro, un quentón do momento, pero sei que non. Por desgraza é a liña de traballo do Sr. Caballero, un populismo chic misturado con unha alta dose de localismo. Debe ser obriga do Alcalde de Vigo, para xustificar o salario actuar de teloneiro nas festas e actos varios do Concello, sempre ben recollido en vídeo e sempre ben publicitado, todo pensado e todo rematado co mesmo mantra de “Viva Vigo, a mellor cidade do mundo” non pasa de ser anecdótico e algo cómico, pero cada quen pasa a historia como lle peta.
Mais recentemente, estes días, nun posible quentón, o Alcalde de Alcaldes, Presidente da FEMP facía un anuncio preocupante polo contido e triste polo mensaxe. Viña a decir que só os vigueses, no 2019, terán acceso ó recinto de pago de Castrelos nos concertos. Folga decir que isto é de todo anticonstitucional. Tamén cómpre aclarar a este show man da política que o resto do mundo tamén traballa e que as cidades precisamente viven en boa parte das achegas da xente que as visitan. Na súa rancia forma de potenciar a súa imaxe, con un localismo de libro, que deixa a Paco Vázquez como un parvo. O único que fai a longo prazo e danar a imaxe da Cidade Olívica. 
Axitar a bandeira da demagoxia e o localismo soe ser perigoso, e a mostra é que Caballero, no seu mesmo partido, non ten influenza fora de Vigo. O que o PSOE ten que valorar é se este é o mensaxe que quere para o Presidente da  FEMP, na miña humilde opinión debe ser destituído e propoñer un representante con maior capacidade de inclusión. Probas da súa nefasta xestión localista xa as teñen con sentencia incluída contra o Pass Vigo.
Vigo é o que sempre foi, unha cidade na que ninguén é estranxeiro, un porto que sempre trata ben a xente, unha fermosa cidade atlántica con forte identidade que se é axitada na dirección non axeitada pode producir a longo prazo un dano irreparable, para Vigo e para Galicia. É preciso para ser bo rexedor estar en grella sempre cos Concellos veciños? Incluso coa veciña cidade de Porto? ou pola contra un rexedor listo e moderno aproveitaría a sinerxías? Non precisamos máis populistas, temos de abondo, espero que soamente fose un quentón provocado pola masa  e o micro. Pero tamén pode ser un resentimento, dun político que cando optou a dirixir Galicia tivo o peor resultado da historia do seu partido, ás veces o resentimento é un motor importante. Quen sabe.

O alcalde de alcaldes
Comentarios