Existencialismo pero non saudade

A existencia precede á esencia, esta é a máxima do existencialismo como corrente filosófica, para Ramón Piñeiro tiña moito que ver coa saudade. Eu non quero falar do existencialismo filosófico senón da necesidade de existir. Hoxe esa é a acción política do actual secretario xeral do partido socialista galego tentar existir. Non deixa de ter graza, o lonxe que está do existencialismo e da saudade da que falaba Ramón Piñeiro. O PSOE está máis preocupado de existir que da esencia propia do seu proxecto. Explícome:
Xa fai tempo que o “establishment socialista” está nunha manobra de maquillaxe, o PSdG-PSOE vendíase como “forza Galeguista”; digo de maquillaxe porque isto mesmo vendíano un tal Francisco Vázquez e outros nun perfecto castelán. Como eran outros tempos e o número de deputados lles daba para ter unha cota de “sentidores” galeguistas no Parlamento, non era difícil e quedaba bonito. Mais o problema era que na realidade final non podían traspasar a lenda de “Hombres de Estado” que tanto lles gusta ós comendadores de Ferraz e na que só eles acreditan.
Touriño algo mellorou, pero o ADN de Ferraz estaba e está moi instaurado a ademais tampouco Xocas era Ceferino aínda que viñera da UPG. Coa crise de postos chegaron os descartes de posicións, e os primeiros que sobraron foron os galeguistas, que un tal Besteiro, alcumado o Kennedy galego, encargouse de apartar de todo, non era unha mensaxe moderna para o da cidade amurallada que pensaba que era un senador de Illinois.
De todos xeitos os estrategos do PSOE saben que algo de rédito de “forza galeguista” podíalles quedar e todos e cada un dos dirixentes que aspiran a dirixir o chiringuito repiten o termo galeguistas como mantra nos faladoiros, pero só como letanía sen saudade e sen sentimento.
Nunha acción de existencialismo, o da necesidade de existir e da necesidade de fotos, Gonzalo Caballero foi falar de financiamento a Estremadura, nin máis nin menos que a Estremadura a esa rexión de Núñez de Balboa, de Pizarro, de Cortés, de Valdivia, de Ibarra e de Fernández Vara. Todos eles exemplos da capacidade de integración dos pobos. Que malo é o existencialismo.
Claro ese é difícil escenario para partillar de comunidade histórica, taxa de dependencia, avellentamento, dispersión territorial, singularidade de Galicia, dos dereitos históricos, da igualdade con Euskadi e Catalunya en definitiva de “galeguismo” dentro dunha construción común de estado e de Europa, porque non. Entón o que se fixo foi renunciar ó galeguismo sacar a careta de forza centralista e centradora.
Xa vedes pois o prezo da “forza galeguista” do PSOE de Galicia, unha foto cun barón socialista. Para ser galeguista é preciso unha esencia e non tanta existencia.

Existencialismo pero non saudade

Te puede interesar