Xornalismo de calidade

Esta semana tocoume presidir unha cerimonia de entrega moi especial, a do septuaxésimo noveno premio de xornalismo Pérez Lugín. Foi especial como especial son todos os actos onde me rodeo de profesionais que viven con paixón o seu traballo, pero aínda o foi máis por ser a convocatoria deste ano unha homenaxe ao gran Nonito Pereira. 

Tratábase de falar da figura do xornalista musical e os profesionais desta cidade non decepcionaron. Non fun parte do xurado pero si linos todos e puiden detectar ese sentimento do que falo en cada proposta e é algo que noto tamén todos os días cando leo a prensa local. 

Non vou negar que non me cabree con eles cada vez que me atopo cun titular trastocado, levado ao terreo da incerteza na miña opinión, pero normalmente aínda que sexa en contra do que se fai ou non se fai desde o Goberno local, o certo é que sempre me sorprende a forma que teñen de artellaren unha nova, de como son capaces de iren máis alá, de teren ese olfacto de “pointer” para saberen que aí hai unha percha, como dicía o venres Doda Vázquez, presidenta da Asociación da Prensa da Coruña. 

Neste caso, no premio Lugín, o pé que o colectivo organizador lles deu, “Xornalismo e música, obrigados a escoitarse”, serviulles para sacar todo o seu arsenal literario e convertilo en ficción ou non porque moitos se limitaron a escribir do seu, pero non se conformaron co feito. 

O gañador, Rodri Suárez, construíu unha peza en base aos nomes dos grupos coruñeses e dos bares, dun imaxinario que fai que A Coruña soe e que non teña remilgos para moverse ao ritmo que lle poñan, como dicía Rodri, Nonito foi exemplo deste carácter que temos na cidade de non discriminar e aceptar todo o que veña. 

Tamara Montero, mención de honra, falou desa poesía que moitas veces escriben en servilletas mugrientas e dun traballo que debe facerse desde as trincheiras. Eu tamén penso que é a única forma de informar e de informar ben, nun país en que os necesitamos porque con eles somos máis libres. 

Necesitamos un xornalismo de calidade, que os e as redactoras teñan todos os recursos a súa disposición, que non traballen desde a precariedade e que teñan unhas condicións favorables para  nos informar e formar e para derribaren de paso a todo eses fakes que tratan de confundirnos como sociedade e de meter ruído. 

Por iso que o venres a profesión celebrou o día do seu patrón, San Francisco de Sales, unha festividade que debe servir para reivindicalos como parte fundamental se queremos que o país avance. Cómpre recoñecer a importancia da súa labor e é responsabilidade nosa que a súa paixón siga viva. Que lle deamos corda para que continúen brillando entre tanta mediocridade. 

Xornalismo de calidade

Te puede interesar