En feminino

No 40 aniversario da Constitución, coñecemos a súa historia en masculino pero pouco sabemos das mulleres que pelexaron para que este sistema democrático seguise en pé. 

En parte, descoñecemos as súas achegas, porque moitas delas traballaron na sombra, detrás dos presidentes ou altos cargos. Quedaron atrás como noutros ámbitos laborais, suando igual ou máis ca eles, pero en segundo plano. Por iso, cómpre telas igualmente en conta. 

Estas son algunhas das que hoxe permitiron estar en democracia. Este ano tivemos que despedir unha delas, Pilar Valiño, que adoptou María Pita como segunda casa e loitou pola clase obreira desde o coñecemento e, en particular, por conseguir dereitos para as mulleres traballadoras. Valiño rachou barreiras e foi exemplo para moitas de nós. Desde a máis absoluta clandestinidade, non dubidou en dar un paso á fronte e apostou firmemente pola democracia cando moitos estaban na retagarda esperando a ver que pasaba. 

Unha coetánea foi Carmen Díez de Rivera, que dirixiu o gabinete de presidencia de Adolfo Suárez e está considerada como a musa da Transición. A ela debémoslle que os partidos políticos se legalizaran.  Sen ir moi lonxe, a coruñesa María Victoria Fernández-España foi a primeira muller en presidir unha sesión do Congreso como deputada de Alianza Popular. Carlota Bustelo impulsou desde o Partido Socialista, a Fronte de Liberación da Muller, e defendeu a legalización dos anticonceptivos e a Lei do divorcio. 

Carmen García Bloise traballou no exilio e, xa de volta, estivo sempre implicada coa inmigración desde o seu cargo de deputada nas Cortes. María Teresa Revilla foi a única entre 39 homes na Comisión que elaborou a carta magna e Dolors Renau, tamén deputada, implicouse nos dereitos das e dos menores. Cristina Almeida exerceu de acusación no xuízo pola matanza dos avogados de Atocha para converterse despois nunha das grandes líderes de Esquerda Unida. 

Todos temos gravada a imaxe de Rosa Conde dando a cara como voceira socialista na época de Felipe González. Daquela eran só dúas, ela e Matilde Fernández as que estaban no goberno. 

No mandato de 1993, coñecemos o sorriso perenne de Carmen Alborch, que xestionou a carteira de Cultura, pola que traballou sempre desde a súa postura de feminista activa, desde o coñecemento e o vangardismo. Foi unha das catro mulleres con ministerio nese mandato. Cristina Alberdi, Loyola de Palacio, Isabel Tocino… 

Teresa Fernández De la Vega, que pasou á historia política máis recente do país por ser a primeira en presidir o Consello de Estado e pola valía que demostrou sendo vicepresidenta. Carme Chacón outro bastión que o ex presidente nomeou ministra de Defensa. Por todas elas, sexa do partido que sexan, hoxe as mulleres ocupamos postos importantes na política.

En feminino

Te puede interesar