Calma, disciplina, solidariedade

Son tempos complexos. A crise provocada polo COVID-19 sitúanos ante un reto xigantesco, que estou segura que poderemos superar xuntos e xuntas. Esta sociedade, a española, a galega e a coruñesa, xa demostrou en moitas ocasións a súa capacidade fronte os maiores desafíos. Farémolo outra vez. De feito, xa os estamos facendo, a pesar de que agora mesmo pareza difícil visibilizar os datos máis esperanzadores. Pero hainos. Como esas 235 persoas que ao mediodía de onte xa estaban apuntadas no servizo de Voluntariado quepuxemos en marcha desde o Concello para sumar axuda ás persoas maiores, soas ou en risco.
Na crise, emerxe a solidariedade, unha das nosas mellores calidades como pobo.
Pasamos un momento complicado e cómpre dar un exemplo de entereza. De tranquilidade. As administracións estamos actuando, as persoas tamén. Insisto unha vez máis en que sigan as indicacións que transmitimos polos nosos medios institucionais ou as que recollen de fontes oficiais os de comunicación, non se fíen de posibles bulos dixitais. Para calquera dúbida, chamen aos teléfonos habilitados ao respecto, dos que teñen ampla información neste mesmo xornal. Laven as mans, manteñan distancia social, queden na casa, sumen ao esforzo colectivo con responsabilidade. Hai moito en xogo.
E, por suposto, respecten e acompañen con sentidiño as indicacións de todas as persoas que están na primeira liña do combate contra o virus e as súas consecuencias. Son días para confirmar a importancia e agradecer o labor de tantos traballadores públicos, como os da Sanidade Pública ou as forzas de seguridade. Tamén para amosar todo o cariño aos que nos facilitan a vida desde o supermercado ou a farmacia. Sairemos deste problema cos vínculos sociais máis reforzados que nunca.
Pensemos nos máis vulnerables agora, no inmediato. Armémonos de confianza e paciencia. Despois tocará incidir en políticas comunitarias que defendan unha saída económica á crise que non deixe a ninguén atrás. Pero o primeiro agora é a saúde colectiva. Estamos chamados a coidadala. Como cidade xenerosa que somos. Con calma, disciplina e solidariedade. Estaremos á altura, unha vez máis. Como alcaldesa, contade comigo para oque sexa necesario. Como coruñesa, sempre estiven e estou orgullosa da veciñanza desta cidade. En breve, cando superemos a crise, estareino aínda mais. Estarémolo todos e todas.
Seguro.

Calma, disciplina, solidariedade

Te puede interesar