O novo Chuac, compromiso cumprido

Na Coruña vaise dar un paso histórico coa construción do novo Chuac apuntalando uns dos elementos fundamentais nos estados de benestar, a saúde pública.
Nos tempos que corren, cunha pandemia mundial de consecuencias aínda imprevisibles, apostar por mellorar a sanidade pública semella unha necesidade vital. Non só a Covid-19 pon a proba o actual complexo hospitalario coruñés, hai unha serie de éxitos que na última década afondan nesa necesidade: as consultas externas aumentaron nun 10%, as intervencións cirúrxicas incrementáronse nun 14%; os transplantes aumentaron un 18%; e a atención en urxencias medrou en máis dun 10%.
A decisión de reformar e construir o novo Chuac vén reforzada polo consenso de todos os colectivos implicados. Un proxecto que nace coa participación de tantos colectivos é una nova moi positiva e ten un gran valor simbólico nun momento no que predomina o sectarismo político. Hai que recalcar que neste proceso foron consultados preto de 2.000 participantes entre persoal sanitario, empresas de tecnoloxía sanitaria, pacientes e acompañantes.
Se ninguén o obstaculiza o novo Chuac empezará a ser unha realidade a finais do 2020. O investimento previsto, sobre 400 millóns de euros, pon de manifesto o compromiso da Xunta coa cidade herculina e coa área sanitaria da Coruña. Estes 400 millóns de euros tamén evidencian a complexidade da obra a acometer, polo que é imprescindible a implicación e a colaboración de todas as administracións afectadas porque calquera eslabón que rompa nesta cadea porá en perigo o proxecto.
Ao investimento reservado para o novo Chuac temos que engadir outros doce millóns de euros que se van investir no  Hospital Abente y Lago e no Hospital Marítimo de Oza. Outra actuación prevista, que suporá un gran avance, é a creación dun centro de I+D+I a carón do hospital. 
Nun contexto onde a investigación científica é primordial para ter unha sanidade avanzada e que se adapte a novas circunstancias cada vez máis imprevisibles, contar cun centro destas características dará lugar a unhas sinerxias moi positivas.
Como todas as obras deste calado, haberá molestias e algún inconveniente durante a súa execución pero a decisión de construílo na actual ubicación traerá menos desvantaxes que en calquera das outras opcións.
E por suposto, tamén se porá a proba a capacidade de colaboración e coordinación entre as diferentes administracións implicadas. 
En definitiva, asistimos ao principal desafío en canto á modernización e mellora da área sanitaria da Coruña se refire, cun novo Chuac que será centro de referencia tanto no ámbito asistencial como no eido científico, que permitirá afrontar futuros retos coas mellores ferramentas e que concreta o compromiso da Xunta de Galicia coa sanidade pública

O novo Chuac, compromiso cumprido

Te puede interesar