A VESÍCULA

Non é a primeira vez que o escoito, pero as condicións climáticas do mes de agosto orixinaron que fose testemuña en máis dunha ocasión no mesmo día do feito de que a maioría dos turistas da meseta que nos visitan en verán padecen unha doenza de vesícula, como se desprende das súas conversas na miña farmacia oficial ou no centro de saúde que visito. 
Como vai mal tempo, os pobres turistas non teñen praia que os entreteña, tampouco hai unha oferta municipal de ocio que os anime e a arqueoloxía da zona non lles chama a atención, así que aproveitan para a ver se por aquí, na periferia, poden adiantar esa operación cirúrxica que tanto necesitan. O malo é que a maioría dos médicos xa saben de que van e solucionan a súa crise cun tratamento sintomático que os leva directos a ir ás urxencias do complexo hospitalario máis próximo a pasar o resto do día.
As nosas autoridades sanitarias tamén deberían estar atentas a este tipo de turismo climático que non fai máis que saturar os servizos. Así que o mellor é que habilitasen a médicos de días sen sol para aliviar as consultas dos nosos galenos e non facer perder o tempo aos autóctonos que van necesitados de atención e control.
Nun par de ocasións tiven que acudir á sanidade española localizada en lugares de ampla ocupación turística internacional. Foi entrar e saír porque os nativos era poucos e os que estaban de vacacións tiñan outras cousas que facer antes que andar de médicos en días grises. O cal lévame a reflexionar se as persoas que veñen a pasar o verán por aquí son visitantes de calidade ou aproveitados dos nosos prezos baixos e recesión económica permanente.
Cando se fala dos visitantes á comunidade tamén habería que explicar moi ben o diñeiro que deixan aquí a diario, porque mentres os internacionais largan euros a esgalla o españois non sei eu se deixan algo que mereza destacar, cando menos antes era habitual que se fosen sen pagar.
Recordo a un carniceiro que foi vítima durante varios veráns do timo da carteira no coche, que consistía en que os turistas lle facían un gran pedido dos seus produtos que levaban consigo mentres lle dicían que ían buscar os cartos que tiña outra persoa no vehículo estacionado fóra. Isto sucedía os últimos días dos meses de xullo ou agosto. Loxicamente ninguén volvía a pagar os chourizos. O desexo do comerciante de ser coñecido en Madrid pola calidade das súas viandas quedaba ano tras ano frustrado. 
Por iso habería que analizar a calidade do visitante. Un turista que bloquea a sanidade e ademais non deixa beneficios, senón perdas, no comercio local non sei se é rendible, aínda que a final de contas todo suma no PIB.

A VESÍCULA

Te puede interesar