Verán típico

Isto dos lumes de verán xa parece unha penitencia ou unha forma de vida galaica, como tocar a gaita ou comer polbo, así que calquera ano aparecerá entre as actividades de entretenemento para os turistas que nos visitan. Xunto cunha viaxe a santa Tegra, unha degustación de empanada e un baile folclórico haberá unha excursión a un monte para ver como arde. Fóra destas ocorrencias, o certo é que non se queima máis biomasa porque non hai tempo dado que a prevención mínima é de broma. Onte mesmo andaban as máquinas desbrozadoras limpando de restrollos as fochas das estradas autonómicas e provinciais.
Sempre recordo incendios de estío desde que teño uso de razón e sempre se queiman menos ferrados un ano que o anterior, co cal ou ben a superficie autonómica diminuíu ou case que xa non habería hectáreas arrasadas. Haberá que pórse un día a botar números e contas e comprobar canto hai de certo en todo iso ou regresar á primaria ao agrimensores da Xunta. Salvando as diferenzas do home este que saíu proclamando que detiveran ao maquinista do Alvia, como se fose un grande éxito policial tras grandes investigacións, sempre aparece o responsable dos lumes dando balance dos incendiarios capturados, que ao revés que as hectáreas, sempre resultan ser máis. Outra contradición, a non ser que estes prendelumes sexan máis eficientes que os de anos anteriores ou superasen un doutoramento cum laude.
Lumes e furtivismo nas rías son o habitual dos meses de verán, aínda que as capturas ilegais de marisco son de actividade turística, unha vez que os autóctonos comprobaron que son máis de fiar os produtos comprados nas peixerías que os recollidos na beira do mar, que quedan para os de fóra, como alimento de primeira necesidade malia a colapsar os servizos de urxencia sanitaria por intoxicacións alimentarias, outro prato típico do estío galaico.
Pois como todos os veráns o territorio da comunidade comeza ardendo por san Xoán e finaliza queimado até que chegue primeiro temporal do ano, que por aquí iso do outono non existe, chámase magosto, e así até o próximo ano, lume tras lume. Disto xa nos esquecemos en breve cando comece a liga en serio e a xente xa se recolla nas súas casas para aforrar, pero aínda así queda moito monte por arder e rías por esquilmar. Este inverno podería iniciarse a limpeza da superficie pola que transcorren as liñas eléctricas, que son un dos focos incendiarios polas faíscas que producen os días de vento e continuar por ter a raia a selva da beira das estradas, dous labores de pouco investimento que limitarían a superficie queimada.

Verán típico

Te puede interesar