O SALARIO DOS POLÍTICOS

Recordo que de cativo a aspiración da xente da miña idade era ser astronauta o futbolista do Real Madrid, claro, e se un fracasaba no intento, algo que era o normal na Galicia daquela e de agora, tiña que conformarse con encontrar un traballo e ter como meta o soldo dun ministro. Aqueles momentos que veñen á miña memoria son os do tardo franquismo e dos tempos da UCD. Non sabiamos que existían empresas públicas, salvo Astano e Bazán, ni entes gobernamentais nin sequera coñeciamos o que era unha subsecretaría de Estado nin pensabamos que a incipiente autonomía albergaba recunchos onde se percibía una mensualidade a gusto do perfil do contratante.
O que parece diáfano é que non compensa meterse a político para ser presidente dun goberno ou dunha autonomía, nin tampouco ser ministro nin conselleiro. O que de verdade da rendementos pasivos é estar situado na periferia da administración, nun organismo autónomo ou nunha secretaría xeral para abaixo. Curiosamente este postos están ocupados na súa maioría por persoas con currículo escaso, moi adornado, pero de reducido expediente académico. De feito, case todos son políticos profesionais que chegaron ao posto entrando no aparato do partido desde a adolescencia.
Un dos xermes da corrupción que invade a política nace precisamente nestes postos de designación dactilar, onde os seus ocupantes carecen de oficio e beneficio e abandonar o cargo por un cambio de partido supón na maioría dos casos pasar a integrar o exército de parados, así que se dedican ao servilismo partidista e a facer favores para o por si acaso. Aínda que hai casos raros, como os superviventes de cambios de goberno, aos que algún só foi quen de levantalos da cadeira os membros da orde pública.
Así que para chegar á política hai que entrar co patrimonio feito e non esperar a estar nela para comprar un chalé. Agora que chega a tempada de montería de alcaldes comezan as fichaxes de persoas de recoñecido prestixio para integrar as listas dos partidos e danse casos como o seguinte. Uns comisionados abordan a un médico rural para que encabece a candidatura a alcalde. O galeno non ten o maior interese, pero polo feito de ser coñecido e ter unha carteira de clientes do Sergas e un valor consolidado. Independentemente da ideoloxía, iníciase o importante, a negociación do futuro salario sobre o cal non hai acordo, porque en concello pequeno... non dá para tanto. Total que o facultativo non cambia de emprego, aínda que lle validen as incompatibilidades, así que os negociadores teñen que recorrer ao segundo nivel ou descender aínda máis.
Neste camiño de busca de candidatos aparecen as bases, aqueles que por pouco máis que o salario mínimo serían quen de lanzarse a aventura política, ou hai que procurar outra xente, que pouco máis saiba que ler e escribir. Ao final todo é cuestión de salario, pero a mellor nómina está fora do círculo central, polos laterais..

O SALARIO DOS POLÍTICOS

Te puede interesar