CRUCEIROS

Para os que non coñecen a cidade da Coruña, informalos de que a praza de san Nicolás non é unha grande extensión, máis ben un espazo reducido onde só un funambulista a cabalo dun monociclo podería facer acrobacias. Nese lugar acordouse realizar unhas actuacións musicais do Noroeste, pero até esa ágora desprazaron a uns grupos para tocaren en vez dun aburrido solista, co cal houbo que instalar un escenario adaptado a conxuntos e non un simple púlpito, se fose o caso dun cantautor. Deste modo, a táboas chegaron até un cruceiro que alí hai instalado desde tempos inmemoriais e no que os rapaces xogábamos subindo por el naqueles tempos en que o patrimonio non era máis que catro pedras mal postas.
Os gobernantes mareantes da cidade parece ser que foron advertidos do risco que supoña para o cruceiro de san Nicolás instalar un escenario alí, pero seguiron adiante sen darse conta que o aviso que recibiron xa o  sabía ao mesmo tempo que eles a oposición, quen loxicamente nun dubidou en empregar tal amoestación para darlle caña aos da Marea, que acabou movendo de lugar a palestra.
Non me queda claro se a laicidade extrema que practican os gobernos da Marea tamén afecta aos cruceiros. Se é así creo que é dunha ignorancia máxima, xa que os ditos elementos representan a esencia da relixión galaica, que non é outra que a animista, e representa lugares de poder onde os nosos druídas celebraban os seus rituais máxicos e que máis tarde foron mimetizados polo cristianismo, culto este que non é máis que unha adaptación dos nosos antigos rituais. 
Só hai que recordar a cantidade de procesións con voltas a un cruceiro que se realizan polo territorio galaico.
Hai que dixo que estas terras foron cristianizadas polo ministro Villar Palasí en 1970 cando se aplicou a lei xeral de educación, aquela da EXB, que obrigaba a estar os cativos na escola até os catorce anos, coas súas correspondentes clases de relixión católica que levaron millóns de rapaces a realizar banquetes de primeira comuñón aínda que todo quedou aí, porque aquilo da confirmación, que non sei moi ben o que é, xa non se celebraba nin nos colexios de curas, e aquí falo con autoridade porque fun alumno avantaxado da mala vida que aprendín no internado dos Salesianos cando, nada máis entrar, aqueles sinistros cregos informaban aos nenos da diferenza entre a vida de pecado e a vida santa. A elección era clara.
Martiño Noriega tamén fixo un feo ao animismo galaico cando non foi render culto ao noso druída maior Prisciliano que está enterrado en Compostela baixo o nome de Santiago. Non digo que non haxa cultos unicamente católicos en Galicia, pero case todos son pagáns ou autóctonos que foron cristianizados pero non até o punto de suplantalos, de modo que hai unha parte do rito que é romano, conciliar, e outra que é local, así que os alcaldes poden asistir á parte animista.

CRUCEIROS

Te puede interesar