Uns orzamentos froito do diálogo

A falta de que se substancien as alegacións, A Coruña xa ten orzamentos para 2020 e o BNG séntese plenamente corresponsábel deles. E é que estas contas son froito do diálogo e o acordo entre forzas políticas diferentes –o BNG, o PSdeG e a Marea Atlántica- que soubemos antepor os intereses da cidade a calquera pulsión partidaria. Desde o BNG dixémolo desde o minuto 1 deste mandato: a nosa disposición ao diálogo non tiña límites e si unha vocación clara, a de se concretar en conquistas para as coruñesas e os coruñeses. A cidade non se podía permitir o luxo de continuar vivindo cun orzamento prorrogado. A magnitude das tarefas pendentes —a reindustrialización, a atención ao grave problema da exclusión social, a necesaria rexeneración urbana, o desafío das políticas de mobilidade, a loita contra o cambio climático, a defensa da cultura galega e o avanzo cara á normalización do noso idioma— obrigábanos a pactar canto antes uns orzamentos á altura das circunstancias. Xa están aquí e vanse revelar como unha ferramenta útil para dar resposta ás demandas da veciñanza.

Se tivese que resumir os orzamentos en dous datos, serían estes: os investimentos directos do Concello aumentan nun 13 por cento e o gasto social sobe nada menos que un 20 por cento a respecto dos presupostos anteriores. As contas teñen, por tanto, un marcado acento social, o que se vai traducir nun incremento moi sensíbel da Renda Social Municipal e das Axudas de Emerxencia.  O apoio ás vítimas das políticas austericidas —no 30 por cento dos fogares coruñeses todos os ingresos proceden de prestacións públicas— debe sempre marcar o norte dos programas sociais que se impulsen desde María Pita. Se algo tivemos claro na mesa de negociación dos orzamentos foi iso.

Estes son uns orzamentos sociais e tamén uns orzamentos con capacidade para reactivar a economía. Na Coruña hai neste momento 16.500 persoas no paro. Non podemos ficar de brazos cruzados perante esa realidade, daí que as contas contemplen partidas para elaborar un plano de industrialización e outro de potenciación do comercio local. Os orzamentos son expansivos e esa sempre é unha boa noticia: os 24,3 millóns de euros en investimentos representan unha inxección de capital público que  resultará na creación de valor na economía local e, por conseguinte, de postos de traballo.

Estes orzamentos marcan tamén un antes e un despois na política municipal. Son produto dun diálogo necesario, non exento de dificultades, pois somos forzas nidiamente diferentes. No BNG esforzámonos por negociar con discreción e non dedicamos nin un segundo a  pelexar por protagonismos infantís. Penso sinceramente que o conseguimos. Nunca nos movemos pola procura dunha foto ou dun titular de prensa. Esa non é a forma en que facemos política.

Só unha cousa para concluír: estes orzamentos non poden ser a excepción á regra. Non vale acordar en 2020 para en 2021 volver ao pasado. Fica todo o mandato por diante. O BNG continuará dialogando con toda a disposición do mundo a chegar a acordos positivos para a cidade. É o que agardan de nós as coruñesas e os coruñeses.

Uns orzamentos froito do diálogo

Te puede interesar