Orzamentos da Xunta: manipulación e propaganda

Non deixa de ter a súa graza que o PP se mostrase irritado polas críticas que se teñen feito desde A Coruña aos orzamentos da Xunta para 2020. É como se o partido que goberna Galiza desde xa hai logo unha década pensase que as súas contas para o próximo ano son inatacábeis e que calquera manifestación de disconformidade con elas só se puidese entender desde o sectarismo partidario.
É así?

Estamos a falar de orzamentos, así que deixemos que falen os números. O PP afirma que as contas destinan á cidade da Coruña por volta de 80 millóns de euros (15 deles achegados por unha entidade privada). Esa cifra por si soa non nos di nada. Hai que contextualizala no conxunto do orzamento. E aí que vemos? Pois que para todo o país o Goberno Feixoo prevé un investimento duns 1.600 millóns de euros. Por tanto, temos que nos tocan 80 de 1.600. Ou sexa, apenas 5 por cento. Máis ou menos a metade do que nos correspondería por poboación. Obxectivamente non podemos dicir que se trate dun trato nin xusto nin congruente coa indiscutíbel condición da nosa cidade como un dos motores do país.

Pero é que tampouco é críbel esa cifra de 80 millóns de euros de que fala o PP. Para chegar a ela hai que dar por boa a tese de que algunhas partidas xenéricas, por exemplo a prevista para proxectos tecnolóxicos, se vai aplicar case en exclusiva na Coruña (neste caso, na Cidade das TIC). Se así fose, por que non aparece unha partida específica como si existe, a pesar de que sexa raquítica (apenas 300.000 euros), no caso da Intermodal? A razón é evidente: porque non hai un compromiso firme e si intención de facer propaganda en vésperas electorais.

Asumámolo: as contas para a nosa cidade están infradotadas, fican moi lonxe das necesidades sociais e non servirán nin para dinamizar a actividade económica nin para criar emprego. Mal asunto, sendo que no horizonte se debuxan os perfís dun preocupante ciclo recesivo.

E se deixamos o plano da análise macro dos orzamentos e facemos unha lectura micro veremos que as noticias tampouco son boas. Capítulo sanitario, por exemplo. Aí vemos que só hai dous millóns de euros para o Chuac, sen que se destinen partidas para o Materno nin para incrementar o cadro de profesionais nos centros de saúde. 

A mesma insuficiencia de recursos vese en educación, sen diñeiro para atender a demanda de profesorado de apoio feita polas Anpas da Coruña. A mesma tónica repítese nas infraestruturas, cunha Vía Ártabra que continuará orfa da necesaria conexión coa A6,  no medio ambiente –sen fondos para a rexeneración da Ría do Burgo- e na vivenda –cunha partida moi exigua para construír apenas 40 VPP no chamado Parque Ofimático, previsión pouco críbel por parte dun goberno que en 10 anos non fixo nin unha soa vivenda protexida na nosa cidade.

Esta é a realidade dos orzamentos, moi lonxe da propaganda. Unha realidade que nos obriga a opornos a esas contas por seren negativas para A Coruña. Unha realidade que nos obriga tamén a esforzarnos aínda máis para conseguirmos que os outros orzamentos que temos por diante, os do concello, si sexan os que a cidade precisa.

Orzamentos da Xunta: manipulación e propaganda

Te puede interesar