Os orzamentos que A Coruña necesita

24 emendas, 52,9 millóns de euros máis de investimentos para a cidade, 35,3 millóns de euros para a comarca. Total, 88,2 millóns de euros máis. Esa é a cantidade á que ascenden as propostas de mudanza dos orzamentos da Xunta para 2020 que o BNG da Coruña vai defender durante a súa tramitación no Parlamento de Galiza, emendas que presentamos esta semana nun acto informativo en que contamos coa presenza da nosa portavoz nacional, Ana Pontón. 

Non actuamos por capricho. Actuamos porque o proxecto de lei de orzamentos da Xunta para 2020 é absolutamente inxusto coa cidade e coa comarca. E resulta moi fácil argumentalo.

Vexamos. As contas destinan 608 euros de investimento per cápita ao conxunto do noso país, Galiza. Na Coruña esa cifra mingua até os 340 euros por persoa. Isto significa que estariamos nun investimento por habitante un 43,5 por cento inferior á media galega. Digámolo doutro xeito: dos 1.691 millóns de euros que o Goberno Feixóo vai investir en todo país, na nosa cidade só están orzamentados 84, e aínda por riba a partida de maior relevo, 15 millóns de euros, non a vai financiar a Administración galega, senón unha entidade privada, a Fundación Amancio Ortega.

As nosas emendas son nosas, mais tamén o son dalgún xeito da cidade, pois incorporan non poucas das demandas aprobadas polo Pleno do Concello na súa sesión extraordinaria do pasado 12 de novembro. Procuramos daquela unha posición de concello, e se non conseguimos un acordo unánime foi pola postura sectaria dun PP que adoita antepor os intereses partidistas aos da cidade.

Sen ánimo de debullarmos moi polo miúdo o contido das nosas emendas, si gostaría destacar algunhas delas e deixar claro que o que pretenden é facer que estes orzamentos non sexan unha nova oportunidade perdida para satisfacer as demandas sociais, dinamizar a economía e contribuír a xerar emprego de calidade.

Así, por exemplo, canto aos servizos públicos, propomos aumentar os fondos destinados ao Plan Director do CHUAC (2,5 millóns de euros máis), ben como demandamos unha partida específica para a construción do Centro de Saúde no mercado de Santa Lucía (4 millóns de euros). Queremos tamén que se modernicen as instalacións de varios centros de educación infantil e primaria e para eles pedimos 6 millóns de euros.

Preocúpanos tamén a reindustrialización da comarca e por iso emendamos os orzamentos para dotarmos con 5 millóns un plan de desenvolvemento industrial, a mesma cantidade coa que tencionamos financiar a Cidade das TIC.

E, claro está, tamén prestamos atención ás infraestruturas -19 millóns de euros para liberar de peaxe a AG55- e á transformación da fachada marítima -20 millóns para tomarlle a palabra a Feixóo e que a Xunta destine eses recursos a rescatar terreos portuarios da especulación.

En definitiva, queremos contribuír a que A Coruña e a súa comarca teñan os orzamentos que merecen e o BNG traballará con esa perspectiva na tramitación das emendas no Parlamento. Por nós desde logo non vai quedar.

Os orzamentos que A Coruña necesita

Te puede interesar