O que se xoga A Coruña o 10-N

Fun deputado durante catro anos no Congreso. Ao longo dese período a miña compañeira Olaia Fernández Davila e máis eu eramos coñecidos na cámara como “os galegos” e a expresión “a ver que votan os galegos” era  moi común entre parlamentares das outras forzas. Eramos dous dos 23 deputados eleitos en Galiza, mais só nós eramos vistos como os galegos (e aquí non pretendo discutir a evidente condición galega dos outros 21, só que politicamente non contaban como se o fosen). 

A razón de por que se nos distinguía con tanta clareza é sinxela: todos sabíamos de antemán que dirían ou que votarían os deputados das forzas estatais eleitos nas circunscricións galegas. Nin máis nin menos o que decidisen as súas cúpulas madrileñas, nada que ver cos intereses de Galiza. Para ver que posición fixaban “os deputados galegos” o resto da Cámara agardaba a ver que facíamos nós.

Infelizmente esa voz propia de Galiza, libre e sen máis ataduras que a defensa do noso país, desapareceu nas últimas lexislaturas do Congreso e a factura que tivemos que pagar en termos de perda de peso político –e consecuentemente económico– non foi pequena.

Felizmente agora, coa segunda volta das eleccións xerais, temos a oportunidade, votando BNG o 10-N, de restituír esa voz propia de Galiza, de facela aparecer outra volta alí onde se discuten problemas que nos atinxen como galegas e como galegos. A oportunidade de que Galiza como país apareza no escenario do Estado e que “as e os galegos” podamos facer valer os nosos intereses como o fan representantes propios de Euskadi, Catalunya, Canarias... e até Cantabria! Mais non só nos xogamos moito como galegas e galegos: xogámonos moito tamén como coruñesas e como coruñeses. Digámolo claramente: hai cuestións que para nós son clave e que, en troca, para as forzas estatais poden ser secundarias ou mesmo residuais. Pensemos no futuro de Alcoa A Coruña. Pensemos en que non estará garantido até que se aprobe o Estatuto de Industrias Electrointensivas. Pensemos en que só o BNG defende unha tarifa eléctrica galega. Ou reparemos na rexeneración da Ría do Burgo ou na devolución á nosa cidade dos terreos en desuso que posúe na Coruña a Autoridade Portuaria ou o Ministerio de Defensa. Para nós eses asuntos son prioritarios. Para as direccións estatais de PP, PSOE ou Unidas Podemos, non.

E, si, de aquí ao 10-N escoitarán moitos cantos de serea co voto útil como letra e música. Nese sentido, pediríalles humildemente que reflexionen sobre a utilidade que tivo apoiar en abril forzas políticas estatais que despois serían incapaces de chegar a acordos e de impedir unhas novas eleccións. Se o pensan ben, coido que chegarán á conclusión de que o voto verdadeiramente útil é o voto ao BNG. Útil para frear a dereita: o BNG nunca se prestará a colaborar directa ou indirectamente co Partido Popular porque somos a súa antítese. Útil para chegar a acordos con forzas progresistas, como avala a nosa traxectoria histórica. E, sobre todo, útil para defender os intereses de Galiza, que é tanto como dicir os intereses da Coruña.

O que se xoga A Coruña o 10-N

Te puede interesar