O que nos deixa o 10-N

Se algo mostran os resultados das eleccións xerais do 10 de novembro na nosa cidade é que o BNG é unha forza en claro ascenso e que cada vez hai máis coruñesas e coruñeses que apostan por unha formación política que conxuga a defensa de Galiza como nación coa procura da xustiza social. Vallan estas liñas para expresarmos o noso profundo agradecemento ás 11.352 persoas –3.145 máis que na convocatoria anterior do mes de abril– que depositaron nas urnas a papeleta do BNG. Que teñan a completa seguranza de que o labor de Néstor Rego no Congreso non as vai defraudar. 

Dixemos durante toda a campaña que Galiza en xeral e A Coruña en particular precisaban dunha voz propia, sen ataduras, en Madrid para defender os seus intereses. Había, hai, demasiados intereses en xogo como para non estarmos presentes, como para non termos capacidade de influencia e decisión. Ben, xa estamos alí. Xa vai haber quen poña sobre a mesa unha axenda galega que, como non podía ser doutro xeito, vai estar composta de non poucas demandas coruñesas, como corresponde co grande peso demográfico e económico que ten a nosa cidade no conxunto do país. Citarei algunhas. A condonación da débeda do porto interior, clave para enfrontarmos sen hipotecas a composición da nova fachada marítima.  A rexeneración da Ría do Burgo. A transferencia da AP9, sen a cal non é viábel unha nova política tarifaria. A aprobación do Estatuto de Industrias Electrointensivas, para garantir o futuro da antiga plantea de Alcoa na Coruña. A restitución ao concello das propiedades en desuso do Ministerio Defensa e do Ministerio de Transición Enerxética (si, os terreos do Observatorio, imprescindíbeis para o barrio da Agra ter por fin o parque que merece!)...

Ter unha voz sen ataduras ten consecuencias prácticas. Significa que se pode condicionar o voto en momentos cruciais –como a investidura, mais tamén como o debate dos orzamentos– a que as lexítimas demandas do BNG, partilladas por boa parte das coruñesas e os coruñeses, se vexan satisfeitas. É xusto o que estamos a facer neste momento. O noso voto xa conta en Madrid. E quer o noso deputado Néstor Rego quer a nosa portavoz nacional, Ana Pontón, teñen dito con clareza que estamos dispostos a facilitar a formación dun goberno de progreso, mais sempre a condición de que ese novo executivo asuma a axenda galega. Ese foi o contrato que asinamos coa xente que nos apoiou o 10-N e desde logo imos honrar ese compromiso.

O 10-N déixanos tamén unha evidencia: a grande maioría do electorado da nosa cidade é progresista nunha porcentaxe aínda maior que no conxunto do país (teñamos en conta que nas últimas convocatorias electorais o xiro de Galiza a posicións de esquerda ten sido moi notorio, ben superior ao da media do Estado). Pois ben, e dito con toda humildade, das forzas que se chaman progresistas a única que avanzou en apoios o 10-N foi o BNG. E non só iso, os votos que recibiu o nacionalismo foron determinantes para impedir que o neofranquismo de Vox alcanzase un escano. E iso, estou convencido, é algo do que se alegran non só as votantes do BNG, senón tamén unha abrumadora maioría das coruñesas e coruñeses.

O que nos deixa o 10-N

Te puede interesar