O que nos ensina a crise do coronavirus

Se algo nos está a ensinar a crise do coronavirus é que reforzar a sanidade pública ten de ser a prioridade número un do goberno galego, após  anos de recortes e de políticas privatizadoras que se valeron da crise económica como pretexto.

Se algo nos está a ensinar a crise do coronavirus é que unha ameaza sanitaria desta envergadura só pode ser enfrontada con éxito se dispomos de servizos públicos con suficientes recursos humanos e materiais. Isto esixe que á fronte do Goberno Galego teñamos persoas que posúan unha concepción da política radicalmente cívica e republicana, isto é, coidadosa  da res pública, do que é de todas e de todos, a comezarmos pola nosa saúde. Protexer o dereito a saúde ten de ser o obxectivo prioritario de calquera goberno. E non o dicimos só agora en plena treboada polo espallamento da epidemia. Dixémolo xa en 2008 cando estourou a Gran Recesión provocada pola desregularización dos mercados financeiros e a resposta dos gobernos neoliberais foi a de drenar recursos da esfera pública á privada (socializando as perdas dos bancos) e a de facer pagar a factura aos servizos comunitarios, a sanidade e o ensino fundamentalmente, con reducións gravísimas da súa capacidade financeira e de investimento. Dixemos naquela altura que os recortes terían un tráxico saldo. Desgrazadamente acertamos. Estou certo de que como sociedade non volveremos cometer os mesmos erros. Estou certo de que na Galiza xa hai hoxe suficiente enerxía e conciencia social para promover unha mudanza que afaste do goberno as políticas neoliberais. Estou certo de que a inmensa maioría das galegas e dos galegos se senten máis seguras e seguros cando a súa sanidade está ben dotada, é xenuinamente pública e non está dirixida por reitores políticos que só pensan en como facer para desviar pacientes aos hospitais privados.Venceremos esta crise do coronavirus porque temos excelentes profesionais sanitarios e porque o pobo galego, demostrouno moitas veces ao longo da historia, sabe ben como coidar de si propio. Vencerémola e farémolo reforzados, facendo do fortalecemento da sanidade pública un dos nosos sinais de identidade.

Só un apuntamento máis. Nestes días de desacougo a nosa portavoz nacional, Ana Pontón, foi quen de mostrar a serenidade precisa para enfrontarmos como sociedade unha situación de crise. Foi ela quen pediu que comparecese o Goberno galego no Parlamento e quen pediu unha reunión dos líderes políticos para lanzar unha mensaxe de unidade. Esa reunión, após Feijoo ter asumido a proposta, vai ter lugar este luns. A ela o BNG acudirá con espírito construtivo e cun propósito claro, o de pór a salvagarda da saúde pública por diante de calquera outra consideración. Como sempre e en todo momento facemos.

O que nos ensina a crise do coronavirus

Te puede interesar