Unha moción con toda a cidade detrás

Inés Rey xa ten o aval de todos os grupos municipais para negociar en Madrid co novo Goberno do Estado e para facelo con dous temas centrais para o futuro da cidade sobre a mesa: o deseño da nova fachada marítima e a cesión ao Concello dos terreos e edificios de propiedade estatal desafectados. O aval deullo este xoves o Pleno da Corporación ao asumir como propia, e por unanimidade, unha moción do Bloque Nacionalista Galego en que se instaba o Goberno Local a que, na anunciada interlocución da alcaldesa co Executivo de Pedro Sánchez, concertase os termos para constituír un Consorcio que pilote a transformación dos terreos do porto interior e para condonar a débeda contraída pola construción do porto exterior.

Estamos a falar non de calquera proxecto, senón do debuxo do bordo litoral da cidade. A obra de maior envergadura que temos por diante nos próximos anos, cun enorme potencial de mudanza en positivo da fisonomía urbana da Coruña. Unha obra, e este é un compromiso irrenunciábel para o BNG, que ten que ter como conditio sine qua non o mantemento da titularidade pública sobre os terreos do porto interior, garantía de que non se perpetre ningún tipo de pelotazo urbanístico.

É, ten que ser, un proxecto de cidade e, por tanto, a súa materialización require do maior consenso político posíbel. Celebramos, por tanto, que a nosa moción, que incorporou achegas da Marea Atlántica e do Partido Popular, obtivese o apoio de todas as forzas con presenza en María Pita. Celebrámolo porque reforza politicamente a posición do Concello perante o Goberno central, tanto no que ten a ver coa constitución do Consorcio como, e este é obviamente un asunto clave, no que atinxe á condonación da débeda do porto exterior. Non se entendería agora que a Moncloa virase as costas a este pronunciamento unánime do Concello. Non se entendería que se persistise no agravio de non conceder á Coruña o que si se ten outorgado a Valencia.

A moción non é un elo illado, insírese ­nunha dinámica de acordos que o BNG veu promovendo nos últimos meses, desde o que deu lugar á investidura de Inés Rey en María Pita até o que viabilizou a de Pedro Sánchez no Congreso dos Deputados. O obxectivo desta política de diálogo é sempre o mesmo, termar dos intereses coruñeses e galegos. E non é inmodestia dicir que o BNG está a se converter no referente político da defensa do país e da cidade. Tanto é así que, como tiven a ocasión de manifestar no Pleno, até dirixentes do PP, por exemplo os de Pontevedra, emprázannos a que sexamos nós, e non o Goberno Feijóo, quen demandemos a gratuidade de tramos da AP-9. Tanto é así que a moción que defendeu a formación conservadora este xoves no Concello recollía boa parte dos compromisos que fomos quen de arrancar ao PSOE en Madrid.

Ben, entre todas e todos puxémoslle deberes á alcaldesa nas súas conversas co novo Goberno do Estado, unha interlocución que, entendemos, debe ter lugar canto antes. Ao impulsar esta iniciativa no Pleno, o BNG cumpre así o seu labor como unha forza de oposición construtiva. Estaremos agora moi vixiantes de que a moción se materialice, para ben da nosa cidade. 

Unha moción con toda a cidade detrás

Te puede interesar