Unha mala noticia que aínda se pode reparar

Esta semana estivo marcada por unha noticia: a venda de dous soares da Maestranza por parte do Ministerio de Defensa a unha promotora inmobiliaria. O Invied (Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa) fixo caixa e ingresou pola operación 11,8 millóns de euros.

E esta unha boa noticia para a cidade? Desde o BNG pensamos que non. E non o pode ser porque eses soares deberían ter sido restituídos, e de balde, ao seu lexítimo dono, o pobo coruñés. Falamos de parcelas que en orixe eran terreos comunais dos que no século XIX se apropiou o Estado para usos estritamente militares. Unha vez que xa non teñen esa utilidade, o lóxico é que se devolvan á cidade. 

Si, xa sabemos que esa lóxica bate cun problema, o convenio asinado polo Goberno de Francisco Vázquez en 1984 con Defensa, un acordo que na práctica permitía ao Estado facer negocio con propiedades en orixe de titularidade veciñal. Mais estamos en 2020 e ao longo destes anos houbo tempo máis que suficiente para renegociar as condicións dese convenio e para defender o dereito da Coruña a recuperar aquilo que por xustiza lle pertence. 

No caso que nos ocupa, estamos a falar de terreos que se achan nunha zona de enorme valor histórico e patrimonial, coa existencia no seu subsolo de abundantes restos das antigas murallas da cidade. Motivos máis que suficientes para dotar a este ámbito urbanístico dunha especial protección (e aquí cabe criticar con toda firmeza o desleixo da Xunta ao non estender a protección BIC ao conxunto destas parcelas). En todo caso, é ben non perdermos de vista que estes soares se enfían nunha trama urbana, a da Cidade Vella, que –a xulgar pola súa Asociación de Veciños, nunha avaliación que o BNG desde logo partilla– está xa abondo degradada como para tolerar un maior densidade construtiva. Non son máis vivendas o que precisa o Campo da Estrada, senón zonas verdes e equipamentos públicos.

Así as cousas, esta mala noticia é irreparábel ou cabe facer algo desde a política para corrixila? Pois si, claro que cabe facer algo e quen se ten que pór mans á obra é a alcaldesa, Inés Rey. É ela quen debe asumir o liderado das negociacións co Ministerio de Defensa para reverter a operación de venda e garantir a restitución dos soares ás veciñas e veciños da Coruña.

Non estaría soa a alcaldesa se decidise asumir este reto. Ten nada máis e nada menos que o aval do Pleno do Concello, que na súa sesión ordinaria do xoves 16 de xaneiro aprobou, a iniciativa do BNG, unha moción para demandar do Estado a cesión de todos os edificios e terreos do Estado actualmente en desuso. 

De todos, incluídos, claro, os da Maestranza. Non abonda con negociar a redución da edificabilidade das parcelas. Hai que ter maior ambición. Hai que levar ao ánimo dos responsábeis de Defensa a idea de que A Coruña é unha cidade que se fai respectar, unha cidade na que non se fai negocio co seu patrimonio.

Unha mala noticia que aínda se pode reparar

Te puede interesar