Un impulso transformador en María Pita

Cruzamos esta semana o rubicón ritual dos primeiros cen días de novo goberno en María Pita e fixémolo coa sensación de que efectivamente o ambiente político é máis respirábel e menos tenso do que no pasado mandato, mais á vez coa impresión de que iso por si só non é suficiente. Está ben que falemos fluidamente entre nós, mais sempre que ese diálogo resulte en acordos que cristalicen en logros para a cidade. 
No BNG estamos en política para mudar as cousas nun sentido positivo, para avanzar, non para estarmos estáticos, non para conservarmos o que hai ou apenas para modificalo cosmeticamente.
E non é posíbel avanzar se non se ten unha certa pulsión transformadora no horizonte. Un plan. Un proxecto. Non é posíbel dar pasos cara adiante se non somos quen de imaxinarmos unha Coruña mellor. Máis xusta socialmente. Mais sustentábel ambientalmente. Cunhas rúas en que manden o peón e o transporte público e non o coche particular. Cun tecido económico máis forte e diversificado, capaz de criar empregos de calidade. Coa malla urbana rexenerada. Co bordo litoral perfeitamente integrado nunha cidade atlántica que ten que se reconciliar de vez coa súa vocación marítima e mariñeira.
Vimos ese impulso transformador nestes cen primeiros días de goberno en María Pita? Sinceramente penso que non. Vin o goberno local moi centrado en resolver a xestión do día a día, cousa sen dúbida necesaria, mais botei en falta unha visión máis a medio e longo prazo, isto é, maior pulsión de cambio, de mudanza. Certo é que a maquinaria do concello adoita ter ritmos lentos, mais precisamente para iso está a política, para desde a ambición e o inconformismo marcar as tarefas a realizar. E tamén para convocar as veciñas e os veciños para a súa realización. Sen unha efectiva e non aparencial participación cidadá non hai proxecto minimamente transformador que se sosteña.
O 26 de maio as veciñas e os veciños situaron o BNG na oposición, mais á vez transmitíronnos unha mensaxe moi clara: pedíannos que, na medida das nosas forzas, contribuísemos a deixar atrás a parálise e a falta de diálogo do mandato anterior, en beneficio dos intereses xerais. Iso foi o que fixemos desde o primeiro minuto da nosa estancia en María Pita. Así, falamos co grupo municipal socialista e asinamos un acordo que fixo viábel a investidura de Inés Rey. Un acordo cheo de compromisos concretos, desde as políticas de mobilidade até a abordaxe do problema do acceso á vivenda, desde a elaboración dun Plano de Inclusión Social até o deseño dun programa de industrialización para a cidade e a súa área metropolitana. Compromisos cuxa materialización estamos a fiscalizar e que, de se levaren a termo, mellorarían as condicións de vida da inmensa maioría das coruñesas e coruñeses.
Chega agora a quenda da negociación dos orzamentos e a actitude do BNG vai ser a mesma: a de procurar acordos que se materialicen en conquistas para A Coruña, e nomeadamente para a xente máis golpeada durante estes anos de recortes e aumento da exclusión social. Inspíranos a idea de que desde a oposición se pode contribuír tamén a imprimir ese impulso transformador que ao noso xuízo precisa a acción do concello. Nesa liña estamos e nesa liña continuaremos a estar durante todo o mandato.

Un impulso transformador en María Pita

Te puede interesar