Fomento: novo nome, vicios vellos

Mudou o nome do antigo ministerio de Fomento, que agora se chama Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, mais certas vellas prácticas, certos vellos vicios, mantéñense intactos, inmunes ao paso do tempo. Pois si, estes días atrás soubemos que o departamento gobernamental que dirixe José Luis Ábalos sorprendeu o Goberno Local ao cuestionar, nunha reunión por videoconferencia, aspectos relevantes do borrador do convenio que ten de ser suscrito entre as administracións públicas, a Xunta incluída, para a construción da Estación Intermodal. Leron ben: a pesar de que o delegado do Goberno, o señor Javier Losada, anunciara en xullo pasado a licitación das obras, agora o Executivo estatal pon sobre a mesa novas condicións previas para o ministro estampar a súa sinatura no convenio.

E que condicións? Basicamente o que pretende o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana é incrementar os aproveitamentos urbanísticos non ferroviarios da Intermodal. 

Dito en termos máis coloquiais: o que pretende é facer caixa con terreos que son das coruñesas e dos coruñeses. Especular con eles para financiar unha obra pública. E todo isto, aínda por riba, con absoluto oscurantismo e falta de transparencia: varios días despois da reunión, os responsábeis de Urbanismo do Concello aínda ignoraban a que aproveitamentos urbanísticos non ferroviarios se refería o ministro Ábalos. 

Só sabemos con certeza que con eles se pretenden “ingresos adicionais”, a custa, claro, de pór no mercado bens que son da Coruña. Ben, todo isto é impresentábel e ten producido indignación na cidade. Chove sobre mollado: José Luis Ábalos ve na Intermodal unha fonte de “ingresos adicionais” e Margarita Robles, a ministra de Defensa, olla o mesmo nos soares da Maestranza. 

Nisto este novo Goberno é ben vello: desde 2004 sucedéronse gobernos de distinto signo en Madrid –PSOE, PP, agora PSOE-Unidas Podemos– e ningún deles puxo en cuestión –veremos se o novo executivo é quen de rachar con esta dinámica- unha lóxica que leva a que para financiar o porto exterior de Punta Langosteira se teñan que vender os terreos do porto interior. 

Unha lóxica que acaba resultando nun agravio, contra o dito polo ministro Ábalos na Coruña, pois non outra cousa é que se condone a débeda do porto de Valéncia e non se queira facer o mesmo coa nosa.

Perante esta situación, o BNG loxicamente non vai ficar quieto e, así, no pleno do vindeiro xoves 6 de febreiro imos formular unha pregunta oral ao Goberno Local en relación aos resultados dos contactos tidos co antigo Ministerio de Fomento arredor da Intermodal (tamén inqueriremos sobre a venda dos dous soares da Maestranza, outra xogada especulativa, desta volta do Ministerio de Defensa). E non só actuaremos en María Pita: o noso deputado Néstor Rego tamén impulsará iniciativas ao respecto no Congreso.

A alcaldesa ten dito que nestes asuntos vai pór os intereses da Coruña por diante de calquera lealdade ás siglas polas que concorreu nas eleccións municipais de maio de 2019. Desde o BNG vixiaremos que así sexa.

Fomento: novo nome, vicios vellos

Te puede interesar