Feixoo agáchase detrás da pasarela

Esta semana Feixoo veu á Coruña a inaugurar unha pasarela. Si, unha pasaxe aérea peonil de 200 metros de lonxitude que dá acceso a unha grande superficie comercial. 2 millóns de euros de investimento, en parte financiados por fondos europeos. Non foi sen tempo: desde o seu anuncio até a súa materialización, a obra, con múltiples retrasos, consumiu tres anos (o Concello levaba non menos de 8 pelexando por ela). Feixoo presentouna con ar triunfal, con certa pompa, como se fose o seu legado como presidente na nosa cidade. E talvez o sexa: aínda que pareza mentira, é un dos maiores investimentos en infraestruturas feitos pola Xunta na Coruña desde que Feixoo chegou a Monte Pío en 2009.

Con que outro investimento directo da Xunta nestes 10 anos na nosa cidade pode rivalizar esta pasarela? Pois con moi pouca cousa. En realidade, cun certo número de escolas infantís, financiadas por outro lado por unha entidade privada (a Fundación Amancio Ortega), e co acondicionamento da Fábrica de Tabacos como sede xudicial. Magro, magrísimo balance, indefendíbel até para o poderoso aparato de propaganda de que dispón, directa ou indirectamente, o PPdeG.

Esta é a dura realidade: os 10 anos de Goberno Feixoo apenas deixaron pegada na Coruña, daí que o presidente da Xunta poida presentar unha pasaxe peonil como o cénit das súas realizacións coruñesas. E quero desde xa deixar claro que o BNG non cuestiona a necesidade desta infraestrutura, que claramente beneficia a mobilidade e a seguridade viaria. O que cuestiona o BNG é o conxunto da xestión Feixoo no que ten a ver coa nosa cidade a coa súa comarca. Unha xestión tan pobre que este investimento de dous millóns de euros está moi lonxe de poder maquillar.

Haberá quen diga: ben, talvez a inauguración da pasarela marque un antes e un despois na política coruñesa do Goberno Feixoo, talvez apartir de este momento si comece a haber un maior compromiso coa nosa cidade. Ben, sinto ser portador de malas noticias: unha lectura obxectiva e desapaixonada do proxecto de orzamentos da Xunta para 2020, e á análise desas contas xa dediquei algunhas liñas nestas páxinas, móstranos que A Coruña continúa sen ser unha prioridade para o Executivo galego. Tan é así que apenas se nos destinan 84 dos máis de 1.691 millóns de euros en investimentos no conxunto da Galiza. Ou sexa: máis do mesmo, A Coruña continúa sen recibir o trato que lle corresponde polo seu peso demográfico e económico.

Por moi xigante que sexa, non hai pasarela no mundo que agache unha verdade indubitábel: o Goberno Feixoo nunca tivo a menor sensibilidade á hora de se comprometer cos problemas máis prementes da Coruña. Nin co problema da vivenda –nesta década a Xunta non fixo nin unha soa vivenda de protección oficial– nin co problema da desindustrialización. E talvez fose unha cruel ironía do destino a que nos deparase a escena de vermos a Feixoo inaugurar esta pasarela a escasa distancia da sede dunha industria, Isowat, que tivo que fechar pola desidia e inacción do Goberno Galego.

Feixoo agáchase detrás da pasarela

Te puede interesar