Un debate de fondo sobre a autonomía local

Esta semana vivimos un debate moi interesante no pleno do concello. Tratábase de aprobar ou non un suplemento de crédito para destinar parte do superávit de 2018, 6 millóns de euros, ao pagamento das indemnizacións a que as persoas afectadas polas expropiacións do Castro de Elviña teñen dereito por sentenza firme ditada en marzo de 2019. 

O BNG está absolutamente a favor de que se repare a inxustiza cometida con ese colectivo por gobernos anteriores (unha máis da pesada herdanza que nos legaron os anos do vazquismo, tan pouco escrupulosos no coidado do diñeiro público), mais optamos pola abstención cando se votou este punto. As razóns teñen a ver co trasfondo, co subtexto, do que se estaba a debater. E vou explicar por que.

En realidade, o debate estaba en boa parte trucado porque o concello non pode decidir libremente destinar o superávit de 2018 ao pagamento das indemnizacións. Ten que obter o permiso do Ministerio de Facenda. E o asunto é que no caso de non o conseguir, ese diñeiro tería que ir necesariamente á amortización da débeda bancaria, isto é, tería que ir aos petos dos bancos. Isto constitúe baixo o punto de vista do BNG unha flagrante violación da autonomía local.

E constitúe tamén a demostración de que a lexislación votada no Parlamento do Estado a partir da crise de 2008 (reforma exprés do artigo 135 da Constitución e Lei de Estabilidade Orzamentaria) ten como único obxectivo antepor os intereses da banca á satisfacción das demandas sociais.

Conseguirá o concello o permiso de Facenda? Todo indica que non. E iso por dúas razóns. Primeira, porque as indemnizacións polas expropiacións do Castro de Elviña non son obrigas de pagamento do exercicio 2018 (pois a sentenza que lles dá soporte foi ditada en 2019). E segunda, porque o concello non cumpre coa lei que prescribe que o período medio de pagamento aos fornecedores estea por debaixo dos 30 días. 

O lóxico é pensar que Facenda permita utilizar o superávit de 2019 para pagar as indemnizacións en 2020. Nese caso, como argumentamos no pleno, o superávit de 2018 iría inexorabelmente a amortizar a débeda. Por esa razón non demos apoio a este suplemento do crédito.

Quixemos tamén transmitir unha clara mensaxe a un hipotético goberno de coalición no Estado entre o PSOE e Podemos: é da máxima urxencia restituír a autonomía perdida aos concellos, o que significa que necesariamente a súa axenda, se realmente quere ser rotulada como progresista, ten que pasar pola derrogación tanto da Lei de Estabilidade Orzamentaria como da reforma do artigo 135 da Constitución Española. 

Non ten ningunha racionalidade nin económica nin social que un concello como o da Coruña, cuxa débeda apenas alcanza por volta de 38 por cento do seu orzamento, non poda decidir libremente que facer co seu superávit. 

Ou dito doutro xeito: queremos ter as mans libres para que os concellos, a comezar polo noso, podan desenvolver políticas que entre os bancos e as persoas opten sempre por estas últimas.

Un debate de fondo sobre a autonomía local

Te puede interesar