Boas vibracións no final de ano

Acaba 2019 e en María Pita faino cunha boa noticia e con boas vibracións. A boa noticia é que esta semana, e tal e como viña reclamando o BNG desde ben tempo atrás, o Goberno Local adoptou a decisión de intervir a planta de Nostián. As boas vibracións son as que temos a respecto de se lograr nos próximos días un acordo arredor dos orzamentos 2020 para o concello da Coruña.

Vaiamos por partes. No asunto de Nostián, o conflito colocábao sobre a mesa unha empresa concesionaria que amagaba con non cumprir as súas obrigas contractuais, ao anunciar que a partir de 1 de xaneiro deixaría de prestar servizo aos concellos do Consorcio das Mariñas. Estabamos perante unha práctica chantaxista dunha compañía que tomaba como reféns as e os traballadores, coa aplicación dun ERTE ao 40 por cento do cadro de persoal e coa modificación á baixa das condicións laborais ao resto de operarios.

Desde o principio o BNG viu claro que esta actitude pseudomafiosa da empresa só podía ter como resposta a firmeza por parte do Concello. Dito doutro xeito: a aplicación estrita do prego das condicións para obrigar a concesionaria a cumprir coas súas obrigas, co obxectivo de salvagardar os postos de traballo e a prestación do servizo non só á cidade da Coruña, senón tamén a todos os concellos do Consorcio das Mariñas. E nese sentido anticipamos a solución: o Concello debía intervir a concesión, isto é, nomear un interventor que substituíse os directivos da planta para xestionar o día a día mentres non se resolver o novo contrato. Unha solución non só lóxica, senón tamén a custo cero para as arcas municipais. A planta continuaría a funcionar co mesmo cadro de persoal e o mesmo volume de traballo.

O Goberno Local acabou por asumir esta solución, unha decisión que non podemos máis que celebrar. Ao noso xuízo, o desenlace deste conflito debe marcar, ademais, un antes e un despois na relación do Concello coas empresas concesionarias dos servizos públicos. Firmeza ante hipotéticas chantaxes. Esa ten que ser a norma. Como o ten que ser tamén reflexionar sobre a idoneidade de recorrer sistematicamente ao sistema concesional para a provisión de determinadas prestacións públicas, sobre todo cando as concesións acaban en mans de corporacións transnacionais cun funcionamento marcado pola absoluta falta de transparencia.

Unhas palabras finais para as boas vibracións. Estes días estamos a traballar arreo para dotar o concello dos orzamentos que a cidade precisa. E as sensacións son positivas. Pensamos que estamos en disposición de conseguirmos que A Coruña comece 2020 cuns novos orzamentos, unhas contas de marcado acento social que contribúan a dinamizar a economía e a criar emprego. Desde o BNG dixemos desde o principio deste mandato que a nosa vocación era a do diálogo permanente, mais engadimos que a vontade de entendemento tiña que se traducir sempre en logros concretos, cos orzamentos do Concello no horizonte. E se a pregunta é se somos optimistas, a resposta é, con todas as cautelas do mundo, que si.

Boas vibracións no final de ano

Te puede interesar