De traca

Cando a realidade supera a ficción e volven os tempos nos que os paxaros se tiraban ás escopetas, cousas inverosímiles coma o muro de Trump (mesmamente o de Trump xa lle chega ben) convértese en slogan, leit motiv e himno dunha época e dunha sociedade que ve con asombro que o deterioro de valores e o reparto de cargas e premios en ningún caso responde nin minimamente aos principios de equidade e igualdade. 
Vivimos tempos de traca e de parodia. E non é polo Entroido que ocupa o horizonte, senón pola xestión dunha convivencia que choca coa sufrida realidade dunha maioría desasistida de vantaxes e privilexios. Asistimos a cerimonias da confusión que xeran desapego e desigualdade, tanto que rematan interiorizando sentimentos de agravio comparativo. A sentencia do caso Nóos pon en evidencia que a ignorancia dos feitos e a falla de memoria son nalgunhas circunstancias de vaia vostede a saber cales eximentes e non agravantes. Hai quen dixo que para ser feliz había que ter moi mala memoria. E semella que sabía do que falaba. 
Das peticións dos fiscais ás sentencias anunciadas hai distancias siderais e anos luz insuperábeis. Mentres anuncian con grandilocuencia que ninguén está por riba da lei, contemplamos como o clan Pujol vai esquiar e gozan de total liberdade de movementos. Ou como novamente Trump anuncia que os xuíces serán os culpábeis do que poida suceder, ou que sancionará ás empresas que despidan a traballadores que sexan norteamericanos... A tarefa para limpar a corrupción e a violencia debera ser un compromiso de todos. E a falla de París, sempre nos quedará Colau, con esa utopía naif coa que pide ao Exército facer as manobras sen armas.

De traca

Te puede interesar