Dos soles de inverno

Hai tempos nos que sae máis a conta escoitar música, pasear polo malecón, camiñar distraidamente pola praia e mirar a túa parella aos ollos que ser coñecedor do que acontece no noso entorno. Ás veces ignorar implica non só saúde mental, se non tamén calidade de vida. En ningún caso comparar coa tipoloxía coñecida como síndrome da Infanta. É un descoñecemento radicalmente diferente. Semella que a realidade estivera empeñada en insistir no negativo.
Ou quizás é que non hai alfombra suficiente para agochar tanto escándalo. Mordidas do 3/4% relatadas polos seus protagonistas en vivo e en directo; unha corrupción xeneralizada a moitos niveis; desvío de fondos millonarios a petos particulares e tamén para financiamentos a CiU ,vía o Palau, ou ao PP de Madrid da ínclita Esperanza Aguirre, segundo reza nos novos papeis acusadores atopados; ou Guerrero que colleu fondos dos ERE andaluces para vicios persoais...
Pero continúan as mortes de mulleres e semella unha marexada incesante. E os problemas da economía que tanto afectan e preocupan, porque inflúen no crecemento e no emprego semellan ser definitivamente estruturais. Non sei o qué nin cómo, pero aquí hai que extirpar. Hai que practicar unha cirurxía de urxencia, sexa a que sexa, porque a situación é crítica e non permite moitas alegrías. Non sei se aplicando anestesia, ou xa abrir en canle pura e dura para ver se podemos salvar algún órgano.
Pero é preciso limpar e drenar unha podremia que afecta á credibilidade. Xa somos unha sociedade madura, con capacidade e criterio para seguir avanzando... Mentres, créanme, as reflexións sempre son mellores en compañía nestas tardes invernais soleadas no chiringuito de Isabel, na praia.

Dos soles de inverno

Te puede interesar