O sol dos marmelos

Vivir nun pobo con mar ten a vantaxe, de poder sentir o sol nos outonos de modo diferente. Semellara que a liña azul que marca os nosos límites trouxera trópico, verán e calma chicha, neses días de luz plena no medio dos calendarios de meses con R poderosa e rotunda. 
Paseos marítimos cheos de camiñantes despreocupados, despoxados de chaquetas e cazadoras. Atletas que aderezan, coa súa equipaxe completa de cascos, elásticas e medidores de ritmos cardíacos e pasos dados por minuto, o devalar das tardes cara un solpor anunciado en tons laranxas e vermellos. 
Aínda cheira a verán. As praias nos invernos teñen un magnetismo especial. E semellan inmensas e profundas despoxadas das vagas de turistas coas súas equipaxes de tumbonas, sombrillas e bolsas amplas para toallas e algúns que outros por si acaso. 
Unha sensación de ledicia especial asoma nas nosas almas cando contemplamos os voos das gaivotas sobre as ondas e os ronseis de escuma dos pesqueiros que asoman na bocana da ría. 
É como se unha burbulla morna nos illara da dura realidade que impera no mundo e enche os telexornais cos dramas que nunca cesan. Os temas son os mesmos que nos últimos meses e agora engadíndolle os bombardeos rusos sobre Siria. Accións unilaterais que non se sabe ben cal é a finalidade última que persegue. 
En todo caso, que explica que non haxa coordinación a nivel internacional, para evitar suspicacias e abusos por planificacións deficientes ou incompletas? 
Os dramas tamén ocorren baixo os veranillos de San Miguel. Neses días dunha meteoroloxía fóra dos rigores estacionais, a vida continúa e unha importante parte da poboación segue a sufrir anguria e desesperación. Para moitos leva demasiado tempo sendo inverno.

O sol dos marmelos

Te puede interesar