De saber ou non saber estar

Confundir o touciño coa velocidade, era unha das referencias que meu avó utilizaba sempre, para explicar o que era adecuado ou oportuno, e o que non o era.

Confundir o touciño coa velocidade, era unha das referencias que meu avó utilizaba sempre, para explicar o que era adecuado ou oportuno, e o que non o era. Non sei se é pola aplicación da filosofía elemental da noite me confunde, ou pola de ignorar que son as churras e que son as merinas, pero o certo é que o manexo adecuado do Ser e do Estar, non atravesa polos seus mellores momentos. 
Trump, o home máis poderoso do mundo, volveu a poñerse fóra de lugar cando falou de armar aos profesores como recurso máxico para solventar as matanzas que, episodicamente, suceden nas escolas americanas. Un verdadeiro profesional en non estar á altura. Tamén sorprendeu o feito de levar escritas varias frases, como recurso para tratar de empatizar, artificialmente, cos pais das vítimas. 
Nin soubo facelo, nin creo que ninguén o agardase. Torrent, Presidente dun Parlament  que segue sen exercer de tal, e avezado mareador de perdices, causa danos inesperados, con declaracións controvertidas nun acto profesional e non político. Anna Gabriel, dirixente da CUP, fai un pack total: cambia de país, actividade, lingua  e look, deixando desnortados a propios e alleos. Pero tamén hai accións, que semellan feitas por profesionais de real e patacón. Retirar obras de Arco, ou ordenar o secuestro dun libro que leva varias edicións nas librerías, o único que concede é un protagonismo gratuíto a algo que pasara absolutamente desapercibido. Se queremos falar dos límites da Arte, non é a maneira. A publicidade e a calidade nunca foron da man. 
Non hai momento mellor que cando estou contigo –dixo El–cando a pel e a química, asinan alianzas entre bicos. Contigo – dixo Ela- é doado crear universos complexos cada día...