DE MORBOS E NOTICIAS

Inventamos realidades paralelas, para fuxir da monotonía que a realidade aporta. Mundos virtuais que teñen o atractivo da distancia, de facer posible o éxito sen mancharse as mans; de ser case superheroes, tan so cun mando a distancia. Cada vez, máis programas inciden no morboso. Non buscan formar nin informar, tan só entreter, segundo eles mesmos declaran. Procuran atopar o íntimo, o máis escabroso, o conflito emocional que pode facer máis dano ao famosillo de turno, e así mentras todos escudriñan a vida doutra persoa, deixan de contemplar o doloroso da propia situación. 
Manexamos unha curiosa escala de valores, onde a sociedade acusa ou perdoa en función das persoas e do seu grao de empatía, pero non en relación coa importancia do dano ou do mal causado. Unha especie de moral de corta e pega, onde se lle desculpa a uns o que se lle esixe aos outros. Resulta que non se pode recriminar nada a algúns porque “eles son así” e a quen lle guste ben se non... O morbo chegou para quedarse. Coa desculpa de facer esquecer a realidade semella que valera todo para incrementar audiencias. 
A manipulación da información, buscando só o escandaloso, e a manipulación emocional, abusando do impacto violento das imaxes dramáticas, converten moitos programas en púlpitos para o lucimento de pseudo-intelectuais, que pontifican en beneficio propio. Os temas de relevancia son tratados coas claves do mundo do espectáculo. Resaltan os enfrontamentos entre tertulianos, pero non a estruturación das ideas que deben facernos crear opinión e posición. Hai temas e moi graves, pero durmen nun segundo plano.

DE MORBOS E NOTICIAS

Te puede interesar