E finalmente Trump

Xa tomou posesión o presidente número 45. O dirixente máis populista, incómodo e inesperado da política americana, que, dende a utilización masiva de consignas tipo América o primeiro, demostra como nos tempos de crise e de mudanza a hábil aplicación mediática de sloganes, moi dirixidos aos grupos sociais máis descontentos, chegan e aniñan no electorado e substitúen perigosamente e con facilidade aos discursos ideolóxicos. 
Un político forxado no campo da construción e das farándulas televisivas e abonado aos escándalos, que chega ao poder despois de obter 3 millóns de votos menos que Hillary Clinton, pero que resulta beneficiado polo sistema electoral. Tamén ameaza con ser o presidente máis proteccionista dende a II Guerra Mundial e ameaza con aranceis as políticas empresariais expansivas de sectores como o do automóbil. E nunha cerimonia aderezada con toda a parafernalia dos poderes das institucións norteamericanas empeza o seu mandato cunha mensaxe, que semella unha broma: preséntase a si mesmo como o representante dos perdedores da globalización. 
E a modo de xustificación da necesidade da súa chegada á presidencia debuxa un discurso en negativo, pinta un país en negros e grises, baixo os epígrafes do crime e do caos. Segundo Trump, definido polo peche das fábricas, por unha educación deficiente e polas vagas das drogas. Efectivamente, utiliza aquela filosofía do carácter ideolóxico dos textos de Strabón. Así, con tan nefastos puntos de partida, a chegada deste novo salvador semellaría case un designio divino. E os norteamericanos tan só poderán ir a mellor. Evitou as grandes polémicas neste primeiro discurso, pero cos vimbios amosados e con pouco esforzo case podemos imaxinar o cesto...

E finalmente Trump

Te puede interesar