Fidel Castro Ruz

Xa era noite nas nosas latitudes, cando Fidel Castro finaba neste venres 25 de novembro na cidade de A Habana. Pouco a pouco, aquel que fora dado por morto tantas veces, esta vez si, cumpría co seu inexorábel ciclo biolóxico. Raúl Castro, a súa sempiterna sombra, comparecía visibelmente afectado para dar a noticia ao mundo e facendo rememorar inevitabelmente o paralelismo coa intervención daquel, desencaixado e solemne, Arias Navarro.
Independentemente da valoración política que mereza a cada lector, é evidente que o seu peso nas páxinas da historia do século XX foi moi grande. Millóns de referencias nos arquivos falarán dun home e dun político, que ergueu a voz e loitou como un David humilde contra un Batista Goliath poderoso (aliado co poder económico e político americano) corrompido ata a médula e con comportamentos de sátrapa hedonista.
Foi unha Revolución, a dos barbudos, admirada no mundo. O seu protagonismo nas crises cos EEUU, ou as súas relacións coa extinta URRSS e o cualificativo de bastión comunista en Occidente, ou se centramos o foco na importancia do seu peso político na conformación das actuais estruturas políticas e sociais en Iberoamérica danlle un papel senlleiro na xeopolítica recente.
Tamén destacan, as grandes transformacións e os avances na Sanidade e na Educación, da primeira etapa do seu Goberno. O seu papel na memoria colectiva sería perfecto, se unha vez culminado o obxectivo político, emprendera un proceso de apertura, de pluralidade política sen a eternidade dos partidos únicos nin dirixismos de Estado. Evidentes luces e sombras. Pero sen Fidel seguro que nada en Cuba nin no mundo sería hoxe igual. Sit tibi terra levis. Ata a vitoria sempre, comandante!

Fidel Castro Ruz

Te puede interesar