DUN NENO LABREGO

Finou Neira Vilas. Foi un dos grandes da nosa Escrita. Máis inmenso  aínda, por ser un home cheo da humildade  que só os máis grandes  posúen. Sen ar de grandeza, sen soberbia, sen a altivez que moitos, tan minúsculos que non lle chegaban nin a sombra do zapato,cultivaban de xeito inmoral e inadecuado. 
Finou un xornaleiro da palabra, que coma el dixera, descubriu Galicia na emigración. E descubriu a emoción dun mundo e dunha Lingua, onde a xente falaba e pensaba doutro xeito. A Lingua coma memoria. Coma vínculo de unión coa realidade de orixe. Non foi o único. O gran Ramón Cabanillas, empezou a escribir en galego en Cuba. De feito nunha adicatoria de 1913, agradecíalle a Fontenla Leal  o feito do “seu casamento co idioma patrio”. 
Moitas xeracións descubriron a Literatura Galega coas Memorias dun neno labrego. Tan natural, tan sinxelo, sen a adulteración do conveniente ou do queda ben de oportunidade e circunstancia... 
Unha narración tan de todos que, unha especie de empatía natural, levaba a establecer un vínculo afectivo con ela. Nin acumulou riquezas, nin aspirou a nada máis que a aconsellar aos xoves a deixarse seducir por unha lingua que, queiran ou non, vai impresa na nosa información xenética, e que nalgún momento, en calquera lugar insospeitado, asomará do xeito natural co que os mananciais brotan das rochas. Hoxe Gres, Galicia e a Cultura, están de loito. 
Acertan as palabras do escritor berciano Antonio Pereira, enfeitizado polo galego, cando describía admirado aquilo de “Bendita sexa a Lingua  que chama Pasamento á morte”. 
Descansa na paz dos xustos, amigo Neira Vilas, que pase a dor e quede a palabra, a que sementa compromiso e lingua para  toda a eternidade.

DUN NENO LABREGO

Te puede interesar