Jueves 18.04.2019

Dos invernos propios

Vivimos, como dixera o poeta García Montero, nos invernos propios.

Vivimos, como dixera o poeta García Montero, nos invernos propios. Encharcados de choiva e comestos pola friaxe da distancia. Vivimos asombrados de estar vivos. Feridos de tantas cousas e sentidos por tantas ausencias, que calamos emocións para evitar os grises, case negros, das soidades. E camiñamos asustados das noticias que anuncian. Temos o temor aprendido do envellecemento. E da fraxilidade real e emocional que dominará as nosas vidas. Escoitamos a estrondo dos esquemas que sempre pensamos intocables e que agora empezan a crebarse.
As pensións polas que cotizamos e nas que confiamos como escudo de futuro, agora semellan ameazadas de cancros incurables. Empezamos a atoparlle sentido a aquilo de ser ou deixar ser, incluso ao dos límites da propia capacidade de resistencia. E tamén descubrimos que, tristemente, somos prescindibles. Vivimos na memoria do vivido, no descubrimento permanente das aprendizaxes que salvaron as nosas vidas. Medramos entre soños de que non hai imposibles. Ascendemos ata acadar a nosa frecha máxima, despois a gravidade impón o seu criterio. Coñecemos a vulnerabilidade e sufrimos a maledicencia e a manipulación daqueles que enganan para poder salvarse da súa propia ineptitude.
Seguimos asistindo a matanzas nas escolas americanas sen que prohiban as armas. Semellamos afeitos ao sufrimento intolerable dos que malviven nas fronteiras e morren nas pateiras por intentar vivir. Moitos dos nosos maiores sofren os invernos sen acender calefaccións por falla de recursos. Pasamos polas duras realidades sen deternos demasiado, para evitar mancharnos ou comprometernos. Ás veces, resultamos odiosamente patéticos e débiles.
Perdoa –dixo Ela abrazándoo –foi só un naufraxio de melura. El respirou o aroma doce do perfume no seu pelo. Sabes? –díxolle apertándoa con tenrura– o mundo faise demasiado grande, se non estás ti aquí, comigo...

Dos invernos propios
Comentarios