Jueves 18.04.2019

Dos días de diario

Despois das grandes celebracións, o mundo e a vida comezan de novo.

Despois das grandes celebracións, o mundo e a vida comezan de novo. As manifestacións de resposta á convocatoria da Folga das Mulleres, asombra ao mundo. Foi espectacular e xera fundada esperanza. Agora, toca continuar e asumir que debemos seguir cambiando cousas, e tamén alegrarnos de que algunhas das sementes, especialmente as grandes Leis da Iª Lexislatura do Presidente Zapatero, caeron en terra fértil e deron froito.
É de xustiza lembrar que fixo apostas de gran calado. Por primeira vez na nosa historia de país, houbo Gobernos Paritarios, a primeira Ministra de Defensa ou mesmamente, un Ministerio de Igualdade, e unha Lei contra a violencia de Xénero, ou a de Dependencia para que non recaera sobre a muller o esforzo engadido da atención aos maiores.
Os camiños sempre son máis longos do que figura nos planos e con máis dificultades das que sinalan nos roteiros. Pero iso non reduce o compromiso por unha igualdade real, nin a denuncia xusta de todo aquilo que discrimina a unha parte maioritaria da sociedade. O acadado foi importante, pero non é suficiente. Hai que seguir creando igualdade. Dende todos os ámbitos. Habería que preguntarse cal é a razón que xustifica que leis de gran calado, foran desvirtuadas, rebaixadas e deixadas sen dotación económica para convertelas en mero papel mollado, cos gobernos de Rajoy.
Este é o traballo dos días de diario. Recuperar o que sirve e redimir o que importa. O lazo na solapa está moi ben, pero o compromiso, a convicción e a Lei, son as ferramentas do verdadeiro cambio.
Sabes? Cando as emocións pintan veladuras húmidas nos teus ollos -díxolle El- sinto dor por reflexo e empatía contigo, e desexos de envolverte nun abrazo cálido, de perfecta simetría.

Dos días de diario
Comentarios