Do que sorprende

Poden pasar mil anos e sempre sorprenderá, e non atoparemos explicación posíbel, ás vagas de incendios que cada verán asolan Galicia. Intencionados e con evidente mala baba, hai quen pretende converter a nosa riqueza medioambiental en árido deserto petrificado e estéril. Sorprende que a maxia do verán sempre teña o acompañamento violento do cheiro dos montes ardendo de norte a sur, e de leste a oOeste. Tamén é certo que aqueles dispositivos de anos atrás, as grandes inversións en equipamentos e prevención, foron desaparecendo nestes últimos anos, baixo os argumentarios clásicos da crise e da austeridade. A premisa fundamental de  traballar na prevención é a que aforra ao final moitas sorpresas e moitas perdas do noso medio natural. A crise non pode ser coartada para todo. Hai prioridades e estratexias de país que teñen que estar garantidas. 
Segue a sorprender tamén que no PSOE continúen coa práctica de lavar a roupa sucia fóra da casa. Que haxa unha confusión de organismos que saen á luz pública e opinen sobre o divino e o humano, como se formara parte das súas atribucións. E sorprende tamén, que os alcaldes acaben entrando polo aro, de asinar apoio a uns plantexamentos que nada teñen que ver coas súas funcións de servizo aos cidadáns. Hai xentes mal pensadas que opinan que dende institucións con capacidade de influencia política e económica, presionan para acadar así apoios as súas teses. Seguro que están equivocados. 
Pero é un recurso doado dos que queren debilitar as opcións socialistas. O lóxico é que a nova maioría, encabezada por Leiceaga, teña voz no proceso. Pero que sexa dentro dos órganos correspondentes. Con sentidiño e prudencia.
 

Do que sorprende

Te puede interesar