De vítimas e manadas

Hai sentenzas que teñen pousos de tempos xa vencidos. Resaibos que non xogan na mesma división que unha sociedade madura e democrática. Principios que chocan contra os conceptos de igualdade, perspectiva de xénero e dereitos das mulleres, especialmente, en materia afectiva e sexual. 
Provocou reaccións de sorpresa e incredulidade. É certo que non se pode lexislar ou modificar lexislacións en quente, pero a sociedade está afectada. Hai músicas que xa están repetidas, gastadas e longamente caducadas. Manada soa a grupo pechado. A algo endémico, colectivo, tribal e cun compoñente de violencia intrínseca. 
Unha manada comparte códigos e valores. Pensan, senten e actúan de modo semellante. Inclúen agravantes o feito de que haxa entre eles un militar e un garda civil, engade crueldade a este episodio, porque forman parte do equipo dos vixiantes do cumprimento das normas. 
Dende logo non é un termo inocente. E a pesar de estar tratado o tema, quedan (re)tratados aqueles que, dende a altura dunhas interpretacións moi persoais das leis non fan máis que incrementar a dor das vítimas e a sensación de impunidade que queda ancorada no sentir da  sociedade. 
Entender que resistirse é a garantía da gravidade da cualificación dun proceso é abocar a inútiles sufrimentos heroicos a presuntas vítimas, porque ninguén as vai crer se non están o “suficientemente” malferidas, ou mortas. Niveis de violencia e graos de consentimento, eses son os dous termos forza que manexan estes argumentarios xudiciais. Hai moitos tipos de manadas. E non todas están nas rúas. 
O tempo é cruel –díxolle El–fuxe cando o mundo se chama co teu nome, e fai que escriba versos de amor e desamor ou circunstancia. Ela sorriu, poñéndose aínda máis fermosa... e deuse a volta.

De vítimas e manadas

Te puede interesar