Miércoles 21.11.2018

De política e poesía

O poeta Luis García Montero tomou posesión como Director do Instituto Cervantes.

O poeta Luis García Montero tomou posesión como Director do Instituto Cervantes. O que fora Premio Nacional de Literatura, reivindicou a Cultura, a Palabra e a Poesía. Foi algo máis que gratificante. Foi a proba do nove de que se pode facer Política dende a Cultura, a altura intelectual e facelo ademais coa habilidade do ourive que acada a singularidade e a excelencia, convertendo en sinxelo o que é  complexo. 
Presentou as Institucións como patrimonio colectivo na defensa das nosas linguas e culturas.  Un, que durante varias décadas tivo que soportar diatribas e chascarrillos do tipo “isto é política non poesía” non puiden máis que reconciliarme comigo mesmo e co valor fondo da Poesía como discurso e como forma de vida. Pero tamén asentou unha premisa básica, algo tan fundamental que deberamos procurar que o  brillo do inmediato que conleva o populismo, nunca puidera agochar nin excluír. É  o valor da Política. E citou a Machado cando dixera aquilo de desconfiade dos que vos aconsellan non metervos en política, eses mesmos son os que queren facer política sen vos e contra vos. Non todo o que ven nas redes é peixe. Hai tamén lixos, plásticos e cunchas baleiras. Igualmente non todos os que están na Política son políticos. 
Ese é un concepto demasiado grande para [email protected] deles. Montero reivindica o mesmo que Machado e que Angel González, é dicir o esforzo por ser bos, no bo sentido da palabra bo, fronte aos que traballan por crear tempos propicios ao odio. Boa sorte poeta, que a forza da palabra te acompañe sempre.
Sentirte ten a forza das prazas habitadas –dixo El– ateigadas de voces e de pombas, con risas e melodías de atraccións infantís... Sentirte é un latexo, un estoupido de afectos que fai moverse o mar...
 

De política e poesía
Comentarios