De emocións e coherencias

O manexo das emocións é unha arte excesivamente fráxil. Require moderación, fondura e fuxir da retórica excesiva, e dos xestos ampulosos que empregan os personaxes curtidos na afección dramática. Estes son os que se moven con soltura no campo do todo vale sempre que sexa en beneficio propio. A sensibilidade ten pouco que ver coa maior ou menor humidade do lacrimal. 
Poñerse nos zapatos do outro,  compartir os estadios emocionais e entender ese brutal sufrimento do que perde moito máis que unha vida, esa dor que fai tatuaxes na alma e na memoria para sempre ten moito máis valor que as batallas campais para fixar posicións nas tribunas, ou ter un anaco maior ou menor de foto nos periódicos. 
Hai leccións de humildade e de humanidade de persoas das que aprenderemos sempre e que non esqueceremos nunca, porque teñen a altura moral dos grandes valores, eses que constrúen sociedades e convivencia. 
Mentres algúns poñen a coherencia por riba da mera oportunidade, Torrent e compañía seguen ampliando o tempo de vixencia do 155. Un artigo que fora implantado polo palo curto, é dicir, polos 55 días imprescindibles para convocar eleccións, e agora son os propios dirixentes cataláns os que se encargan de que a súa vixencia continúe sine die. Marquemos o suma e segue. E como telón de fondo, pasa a vida. Coas feridas de diario, coa loita digna dos maiores, e contra os desigualdades e a indiferenza ante a corrupción e outros males.
Nunca tivera conciencia de ser Norte –díxolle El– ata sentir a mornura do Sur entre os teus labios. En ti habita a maxia das palabras –dixo Ela– nas minúsculas que amplifican afectos, e nas grandes con tenruras que viven nun latido.

 

De emocións e coherencias

Te puede interesar