Das novas perspectivas

ai ditos, deses tan nosos, aos que poderíamos recorrer agora que o ceo semella despexarse e deixar as neboeiras atrás. Un é aquel de que nunca choveu que non escampara, que dicimos con frecuencia nestes lares. Ademais resulta de especial aplicación neste territorio, terriblemente cambiante, da Política. O que facía unha hora era gris escuro case negro, é agora claro como unha lámpara e simple coma un anel. 
A arte da negociación é complexa, e semella un combate de movementos moi lentos e medidos. Medir os tempos é fundamental, e lanzar as mensaxes adecuadas a unha cidadanía cansa que esixe consensos e diálogos, é tamén unha acertada mostra de intelixencia. En Galicia sabemos de bicefalias. E tamén lembramos como resultou o conto. Evitala é un exercicio de habilidade. Incluso unha aposta polo longo prazo, pola boa marcha da lexislatura. 
Empezar polos principios, é dicir por acordar as liñas xerais programáticas que definirán a acción dun goberno progresista, é empezar con bo pe. Despois xa chegarán os nomes dos equipos que deberán xestionar, as medidas políticas para facer visible o programa acordado. Tamén sabemos que non hai mal que cen anos dure. Aínda que puidera parecelo. 
Ás veces descoñecemos os mecanismos que fan que as tomas de decisións movan peza... pero canto o agradecemos! Semella que formar goberno está agora máis cerca. A prudencia aconsella non cantar vitoria. Pero máis difícil foi chegar á lúa, e van alá xa 50 anos daquel pequeno paso para o home, e un gran paso para a humanidade. 
Vives a escasos pasos da nostalxia –díxolle El– es a distancia máis curta entre a praia de emocións e este mar de afectos que sentimos... Gardamos nos caixóns a vida de diario... os soños que replican a intensidade redonda de sentirte...

Das novas perspectivas

Te puede interesar