Das máxicas ilusións

Acaban de pasar os Magos de Oriente. Aínda hoxe, que deixamos a infancia pola popa fai moitas singraduras, segue provocando un sorriso, e unha sensación de emotiva tenrura na alma. En todas as Cabalgatas, os máis pequenos irradiaban, antes e agora, unha felicidade emocionada, mesturada cunha especie de temor reverencial, a eses personaxes que chegaban en carrozas fastuosas, acompañados de paxes e exércitos romanos, lanzando caramelos sen parar... e que sabían si foras bo ou non, sen que tiveran necesidade de contarlle nada. Son Magos, respondían sempre os pais, ante a pregunta, temerosa e repetida, de cómo podían saber iso. Dende moitos días atrás, nos comercios regalaban as cartas para as SSMM os Reis Magos.
A preparación da carta, a terríbel toma de decisión na que tiñas que optar por unhas cousas, deixando atrás moitas outras máis, marcaban o inicio dun proceso onde, daquela a felicidade era inmensa con moitos menos regalos, que as interminábeis listas actuais. Hoxe, os catálogos das grandes marcas de xoguetes, substitúen aos paseos ata os escaparates dos grandes almacéns, para ir vendo as novidades, e ir optando por algún deles. Algunhas veces, descubrías con tristura que o mundo marabilloso de posibilidades dalgún xogo, que a publicidade anunciaba, non coincidía despois coa realidade do regalo que acababas de recibir. E saír ás rúas, con bufanda e luvas, nesas mañás frías de escarcha e soles mornos, e xuntarte cos outros rapaces e xogar cos patíns ou coas bonecas, coas bicicletas, cos coches, ou os primeiros xogos electrónicos, era unha cerimonia sagrada, un ritual compartido que ninguén quería perder. Hai días que teñen maxia, e persoas que fixeron que esa maxia, aniñara nos nosos corazóns para sempre.

Das máxicas ilusións

Te puede interesar