Das intoxicacións masivas

Un non pode deixar de sorprenderse cando descubre con que facilidade moitos, fan seguidismo duns pouquiños, que ademais teñen intereses importantes nun tema determinado, para conseguir desgastar a un goberno. Non son inocentes nas súas opinións. Manexan medos atávicos cos que, convenientemente manipulados e cun inaceptable matonismo verbal, agardan obter rendibilidade máxima. 
Aproveitando o uso torticeiro daquela teoría do hábil manexo das algaradas e o ruído, ocupan a totalidade do espazo informativo, alertando e evitando o debate de outras voces, independentemente da súa importancia. A suma das tres dereitas, a das tres persoas distintas pero cunha mesma confluencia de intereses, gañaron posición fronte a un goberno que estivo lento e  torpe. Converteron o anecdótico en esencial e espremeron ata o límite o medo que habita en todo aquilo que se descoñece.   
O Goberno non explicou ben dende un principio que cousa é un relator. Que por moito que teña reminiscencias dos nomes dos antigos réptiles, non ten máis perigo que un conferenciante pesado e aburrido. Querer outorgarlle categoría de mediadores ou símbolos de rupturas de soberanías non só é enganar, senón agochar deliberadamente o compromiso radical dos socialistas coa salvagarda constitucional de España. 
Pero a intoxicación funciona, e o máximo grao provén sempre das propias filas. Os mesmos que esixen lealdade nos seus territorios son os primeiros en alinearse na crítica cos partidos da oposición. E saen en tropel a denunciar ao presidente Sánchez nos medios cunha superficialidade vergoñenta e ampulosa. Logo se estrañarán de que os seus votantes lles digan que non lles representan. 
Quizás sexa a distancia, acaso dependerte, asombradas feridas melancólicas –dixo El– ou predicamentos tristes, acaso esa  ascua ardente de derrota ou mínimo fragmento dos teus bicos,  ausentes de caricia ou de memoria...   

Das intoxicacións masivas

Te puede interesar