martes 26.05.2020

Das idénticas respostas

e de repente os paxaros tiráronse ás escopetas, e o mundo semellou ser un lugar diferente. Ese podería ser o inicio dunha nova novela, pero é un acta notarial das cousas estrañas que suceden nestes días. Poderíamos pensar que un dos danos colaterais da pandemia, é precisamente un cambio radical das actitudes e unha modificación do patrón de conductas sociais. Iso explicaría o feito de que se botasen ás rúas colectivos que sempre hiperventilaron ante os 15M, as manifestacións feministas ou contra as guerras, e ante a perda, con publicidade e aleivosía, da corrección e a discreción debidas. O que antes eran xentes con oficio e beneficio. Pois vai ser que non. En Alemania, Italia, Francia e outros países europeos, os grupos de dereita e extrema dereita repiten un modelo de resposta que consiste, precisamente, en ocupar as rúas e facer visibles as protestas para xerar unha sensación de malestar, que acabe por derribar os gobernos. É dicir, estanlle a facer a Pedro Sánchez o mesmo que a Macron ou a Angela Merkel. Ten que ver coa xestión da pandemia? Pois máis ben pouco. Ten máis que ver coa oportunidade de manipulación que, a incerteza ante un presente difícil e un futuro complexo, instala nunha parte organizada e ideoloxizada das sociedades. Despois hai unha mestura de protagonismos, intereses e bulos sobre perdas de dereitos e liberdades, que acaban por poñer o ramo a estes episodios. Unha especie de teoría da avalancha onde sempre hai algún vento, que chega oportunamente, para poder axitar as bandeiras. Agora, tantos anos despois, descubrimos que España deixou finalmente de ser diferente.
Non souben dicirlle que o mar fíxose grande –dixo El– mentres escribín inverno, baobab ou sombreiro. Posiblemente, non fun quen de habitar cada esquina ferida das súas paisaxes. Acaso non souben ensinarlle, os puntos cardinais sentidos das ausencias.

Comentarios