Das fondas farturas

Hai tantos sistemas de difusión de noticias como de consumidores adestrados na arte de ignorar o que non lles interesa. Ollos cansos de repetir lecturas anquilosadas e cíclicas que nunca rematan de caerse das follas dos diarios. Temas que, por algún estraño motivo, levamos ás costas máis tempo do que quixeramos.
Asomámonos as novas que enchen as páxinas dos diarios e aos boletíns televisivos e un cansazo existencial invade os nosos sentidos. Unha sensación de deja vu, de ter vivido xa en exceso todo o que nos contan acaba por invadirme o ánimo. Sobrevivimos coma navíos ancorados en portos esquecidos, agardando ventos novos que nunca dan chegado.
Fartos de debates que nunca foron libres, que xogan como tafures coas hipóteses falsas e cos naipes marcados para defender posicións inamovibles. Fartos da inmensa corrupción que suma e segue. Tantos anos despois a novidade da trama Gürtel é que Correa, O Bigotes e Crespo tiran da manta para reducir condenas, contando o que xa era do dominio público: que o PP valenciano, Camps e Costa, foron a mecha iniciadora de todo este espectáculo.
Cansos de escoitar razoamentos da redución ao absurdo e de ser tratados coma rapaces pequenos. De retorcer argumentos para intentar milagres e de repetir mil veces que todo vai ben. Fartos e anoxados dos abusos e asasinatos incesantes de mulleres. Fartos de que chova sobre mollado, de que a esperanza sexa sempre flor dun día e que tristemente o sumatorio de fracasos, tenda sempre a infinito.
Sempre estás en min –dixo El– pensarte é o meu exercicio favorito. Ela mirouno, sentindo que a complicidade que compartían, tiña sabor a premio. O meu é sentirte –dixo Ela– e teño o record mundial da especialidade...

Das fondas farturas

Te puede interesar