Das equidistancias

Como sucede nas grandes traxedias gregas, o Destino impuxo no Congreso o peso do seu anunciado protagonismo e castigou aos humanos a vivir un novo episodio de incerteza, polo menos ata que pasen as eleccións vascas e galegas. Se aplicamos aquilo da Teoría da Casualidade, pola cal dúas accións iguais provocarían a mesma reacción, non debera de sorprendernos o desenlace do que vimos de vivir. 
Máis alá das frases gastadas, da repetitiva apelación á responsabilidade do outro e de ver no ollo alleo a palla da razón de Estado en lugar da viga no propio... as posicións seguen sendo as mesmas que moitos meses atrás. Nadar e gardar a roupa é unha arte que precisa de moitos equilibrios. E semella que no noso país podemos ter varios plusmarquistas na especialidade de nivel mundial. 
Cada un, como era previsíbel, quedou na súa beira do río. Previamente, todos inutilizaron as barcas e as pontes que lles poderían permitir achegarse a terreos de neutralidade, aqueles onde calquera cousa podería ser posíbel. A equidistancia é unha medida de protección e salvagarda dende onde poder lanzar proclamas sen que esteas exposto á munición inimiga. Dende a equidistancia semella que é máis doado explicar o inexplicábel. 
Como o da aposta contra a corrupción que fan Rajoy e o PP e aínda así propoñer ao exministro Soria para ocupar un alto cargo no Banco Mundial. Non pega moito co propósito da enmenda e co de expiar os pecados cometidos. Non sei se é a predestinación, ou Azar ou a providencia, a que preside o Destino. Pero que atopen xuntos a pedra filosofal dos camiños aqueles que sempre conduciron a Roma. 

Das equidistancias

Te puede interesar