Da fraxilidade

Medramos na convicción de que nada é imposible. A superprotección que lle aplicamos aos nosos, fai que o esforzo ocupe un lugar secundario na escala de valores, na crenza de que sempre alguén resolverá as causas incompletas e que todo se lles dará por añadidura. Moitas veces descubrímolos mirándose no mesmo espello no que se transforman os superheroes, e acaban créndose parte desa colección mítica de Marvel. 

Defendemos liderados aos que lles damos patente de corso, e escoitamos mensaxes coma se tiveran palabras de vida eterna. E aínda hai quen actúa coma se o seu estivera por riba do de todos. Estamos en tempos de cambios de gobernos en feudos emblemáticos nos que nunca se coñeceran alternancias. Cambios producidos polo abandono da confianza depositada por moitos/as, ao longo do tempo. 

Pero hai quen se sinte intocable e poderoso. Descoñece que a realidade, máis cedo que tarde, acaba por recuperar as marxes dos seus límites. Vivimos na utopía de ser quen de superar calquera dificultade sen a inversión intelectual, física ou de compromiso que tal acción require. Na utopía de pensar que as regras que rexen para os demais, non rexen para un mesmo. 

Nada desconcerta máis a un electorado que o feito de comprobar que os niveis de esixencias son diferentes para situacións similares. Os cambios producen fraxilidade e melancolía. Non se precisan flaxelacións nin sacrificios. Pero agardamos que todos/as estean sempre á altura. Non por eles, persoas individuais, senón por unhas siglas, sumatorio de moitas voces e de moita Historia.

Somos un alto inventario do vivido. A impaciente urxencia de sentirnos –díxolle El– material reservado de temores íntimos e eternidades breves... caricias dependentes da textura suave dos teus labios, e ampla ferida, sempre aberta, de tenrura...

Da fraxilidade

Te puede interesar