De barbaridades e desacertos

Quixera saber onde está escrito que, polo mero feito de entrar en campaña electoral, algúns candidatos se vexan contaxiados dalgún mal e se dediquen a abrir o tarro das esencias proclamando, con publicidade e aleivosía, barbaridades do calibre máis groso que atopen no mercado. 

Cousas que evidencian unhas carencias brutais e moitos descoñecementos absolutos. Que ninguén é perfecto, sabémolo porque a propia vida xa se foi encargando de avisarnos de mil formas. Pero dicir gratuitamente cousas coma as que proclama Suárez Illana, da vergoña allea. É certo que o deste home, e as súas cousas, ven de lonxe. Xa quedara no imaxinario popular, con outras declaracións desafortunadas en eleccións anteriores. É tocar diana e xa empezamos co de sempre, co tema do aborto. É o do eterno retorno, volven os de sempre, coma sempre a denunciar o de sempre, a unha sociedade que ten outros problemas e está a outras cousas. Xa estamos cansos de anuncios catastrofistas, esaxeracións desproporcionadas e alarmismos de cores variadas, onde semellara desaparecer o mundo se non gobernan eles. E debera aplicarse obrigatoriamente o VAR, o videoarbitraxe, para valorar as declaracións que escoitamos cada día e penalizar así as falsedades, os intentos de engano, e as mentiras puras e duras que nos lanzan, supostamente envoltas en datos, supostamente, obtidos de diversas institucións serias e rigorosas. O problema non está nos datos, está no ollo do amo que, a sabendas, engorda o cabalo. Falemos de Política, pero a de verdade. Barbaridades, non grazas. Sexamos rigorosamente serios.

Sentirte agocha praias de amenceres azuis –díxolle El– paisaxes ocres e longas coma exercicios fondos de nostalxia. Sentirte sabe a estacións que non rematan nunca e a paixóns que arden, incluso nos invernos... Sentirte é sempre a luz que define a existencia.

De barbaridades e desacertos

Te puede interesar